O programa "Boas noites" chega a centos de mozas de Compostela

O obradoiro de pan en pleno funcionamento [Foto: Itaca]

A Asociación Cultural e Xuvenil Itaca e Xandobela organizan o programa de lecer "Boas noites" destinado á mocidade de Santiago de Compostela. "Compostela máxica: roteiro nocturno das historias da cidade" e a xincana "As castañas máxicas" son dúas das propostas de lecer alternativo para a xente nova nas noites das quintas e sextas feiras de novembro. O programa xurdira no ano 2000, ao abeiro do Consello Municipal da Mocidade, e revive con éxito nesta edición.

Dende Ítaca sinalan que "a acollida está a ser fantástica en todas as actividades, as que teñen límite de prazas están practicamente todas completas e con lista de agarda dende a primeira semana". Entre elas, o roteiro nocturno que encheu as prazas hai xa máis de dez días. As actividades abertas como concertos, xogos e teatro tamén experimentan unha alta demanda de participación.

 

"As castañas máxicas" é un xogo en formato de xincana no que se parodia a serie anime "Dragon ball", mais "no lugar de ter que ir á procura das bólas máxicas, temos que atopar as castañas máxicas superando unha serie de probas e retos espallados polo parque da Alameda", sinalan. Trátase de recuperar as rúas e parques da cidade como espazos lúdicos tamén para xente nova, ao tempo que se dinamiza cunha temática moi propia do mes de novembro.

 

Ao remate do xogo, explican dende esta asociación, convidarase ás persoas participantes a celebrar o magosto organizado no propio local de Itaca e d' A Troita Armada, na rúa do Pombal, 18. "O punto de saída será a sexta feira 17 de novembro na praza do Toural ás 20:00 horas e poden participar todas as persoas que queiran, a partir dos 14 anos".

 

Outra das actividades destacadas para esa mesma noite será guiada polo historiador Eduardo Sánchez Novais que desvelará lendas, historias e mitos agochados entre as pedras da zona vella. "Compostela máxica: roteiro nocturno das historias da cidade" terá como punto de saída a praza do Matadoiro ás 20:30 horas.

 

"É un roteiro participativo, polo que o itinerario non está completamente pechado e se irá construíndo en función dos intereses das persoas asistentes", indica Eduardo Sánchez.

 

Noites temáticas: África e India

 

A oferta do programa "Boas noites" compleméntase con noites temáticas para coñecer culturas doutros lugares que dean pé a un punto de encontro e de lecer alternativo ao feito de saír de bares, pubs e discotecas. Trátase dun xeito de divertirse sen estar supeditados ao consumismo, ao tempo que se coñece xente nova con gustos similares nun ambiente de aprendizaxe.

 

Obradoiros de peiteado africano, de danza tradicional, de percusión e un concerto de percusión serán as actividades para a chamada "Noite africana" da quinta feira 16 de novembro. Cociña, danzas e sons da India serán os obradoiros da seguinte quinta, 23 de novembro. Estas actividades desenvólvense na Casa do Matadoiro.

 

Trátase dun xeito de divertirse sen estar supeditados ao consumismo, ao tempo que se coñece xente nova con gustos similares

 

Para a sexta feira 24 de novembro, haberá un obradoiro de cultivo de cogomelos no local de Ítaca e outro de elaboración de doces de Nadal no das Brañas de Andrés. A representación de 'Enclave D.X.', de Vacaloura Teátrica, no Centro Xove da Almáciga será a última das actividades previstas nesta edición.

 

Os inicios, no ano 2000

 

Este programa de actividades de lecer e deportivo en horario nocturno nacera no ano 2000 en Santiago de Compostela, ao abeiro das propostas xurdidas no Consello Municipal da Mocidade. Xa daquela contou coa organización de asociacións xuvenís de base para facer o que deron en chamar “movida alternativa”. En Vigo denominouse "Noites Vivas" e en Pontevedra "Noites Abertas".

 

En Compostela, após retomar a experiencia ao abeiro dos Orzamentos Participativos en 2016, a demanda existente nesta nova edición xa anuncia que se prorrogará para o vindeiro ano.

 

Nota: A imaxe que vai inserida no meio do texto, da autoría de Itaca, recolle un aspecto do obradoiro de serigrafía.