Profesorado súmase ás mobilizacións do alumnado da USC para denunciar a escasez de docentes

Os protestos nas facultades de Maxisterio e Filosofía esténdense a Educación Social.

O alumnado das Facultades de Filosofía e Maxisterio da Universidade de Santiago de Compostela encetaba hai unha semana paros, feches e mobilizacións para denunciar a escasez de profesorado e os recortes en medios e persoal no ensino público. Uns protestos aos que se vén de sumar a facultade de Educación Social e, tamén, parte do profesorado. En concreto, por volta de 150 profesores titulares que superaron o proceso para aspirar a ser catedráticos e que levan seis anos á agarda de que se saquen prazas. O 10% do profesorado estaría nesta situación, indican, algo que, entre outras consecuencias, afecta tamén á competitividade da USC.

Mentres, mantense e aumentan as mobilizacións dos alumnos. Cada noite, por volta de 150 estudantes participan nos fechamentos en Filosofía e Maxisterio. Profesores desta última amosaron o seu apoio aos protestos. Denuncian falla de profesorado, mais tamén a supresión de varios servizos ou os recortes nas bolsas de estudo.

Cómpre lembrar que desde organizacións sindicais e estudantís denunciouse reiteradamente que o sistema universitario galego ten un precario financiamento, lonxe do 1% do PIB que sería necesario para ter un ensino que consideren de calidade; que viu reducidos os seus orzamentos, entre 2010 e 2015 en 86 millóns de euros;  que sufreu o incremento das taxas tanto de matrícula dos graos como dos mestrados e que se destruíu emprego, con máis de 350 profesores menos, o que se corresponde con aproximadamente o 8% menos nos cadros de persoal e en 1.287 investigadores.