O profesorado interino da USC ten dereito a cobrar quinquenios

Facultade de Filosofía da USC

Así o acaba de estabelecer unha sentenza do xulgado do contencioso de Compostela que dá a razón a unha demanda da CIG Ensino. 96 persoas -as integrantes do PDI (Persoal Docente e Investigador) da USC- vanse beneficiar dun fallo xudicial que pon fin a unha vella discriminación. 

A sentenza é xemelga a unha resolución ditada en termos semellantes en relación ao PDI da Universidade de Vigo. Ao existir autonomía universitaria -tamén vigorante no que atinxe ao réxime de retribucións do persoal- a CIG viuse obrigada a demandar o recoñecimento destes dereitos perante cada unha das institucións universitarias do país.

 

A central nacionalista insta as tres universidades galegas a que estendaN este dereito de oficio a todo o persoal temporal, indica nun comunicado de imprensa. Aliás, insta o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a que convoque a Mesa Sectorial de Universidades para "negociar", sen ter de ir aos tribunais, "a modificación da normativa precisa para rematar con este tipo de discriminación".

 

Esta boa noticia para os PDI chega despois de este persoal conseguir o dereito de optar a cobrar os complementos de investigación e docencia, de 900 a 1.000 euros anuais. A CIG, porén, remarca que a precariedade caracteriza as condicións laborais da maior parte deste colectivo, "con soldos inferiores aos 800 euros mensais en moitas categorías". Daí que desde a central nacionalista se considere que "a percepción dos complementos que lles correspondan debe realizarse en función do tempo traballado e non da relación contractual que exista".