Advírteo CIG-Ensino

O profesorado incrementa a súa oposición ao protocolo da Xunta

Protesta do cadro de persoal dun colexio de Vedra. (Foto: CIG-Ensino)

A dous días de que dea comezo o curso lectivo, o persoal de centros educativos de infantil e primaria reclama máis contratacións e menos alumnado por clase para poder cumprir os protocolos de separación.

As mobilizacións e protestas do profesorado galego sucédense día tras día nos diferentes colexios. Estas protestas crecentes están sendo recollidas, tamén, polos sindicatos como se puido ver na rolda de prensa desta segunda feira. 

As peticións e críticas á política seguida neste asunto veñen de todas as bandas. Por exemplo, CIG-Ensino acusou esta terza feira á Xunta de incorrer nunha falacia ao ter asegurado que contratou profesorado de reforzo para este curso que está a piques de comezar. A central sindical, que trasmite a queixa dos cadros de persoal de numerosos centros educativos da Galiza, asegurou que estabelecendo comparativas cos datos de 2019 “só se incrementaron en 213 as interinidades no corpo de mestras”.

“Unha cifra bastante baixa se temos en conta que o número de xubilacións roldou as 400 e que este ano non houbo oposición”, explican. Por iso moitas docentes están a facer reivindicacións nos centros, sobre todo naqueles de Educación Infantil e Primaria.

Desde o punto de vista do profesorado galego é preciso contar con máis persoal e menos ratios de alumnado para atender ás recomendación sanitarias tales como a distancia de seguridade de 1,5 metros nas aulas. Consideran que a Xunta as está a “negar a varias etapas educativas”.

Distintas distancias para a Xunta

A central sindical lamenta que a Xunta defenda diferentes distancias segundo o nivel de estudos.

“Mentres que o metro e medio de distancia, medido iso si entre o centro dos corpos e non os seus extremos, xa é referencia nas etapas educativas superiores, nos niveis máis baixos a Consellaría fía todo aos grupos de convivencia estábel e á estanquidade destes”, critica.

Ademais, asegura que as consideracións das autoridades foron cambiando “en cada versión do protocolo”.

O sindicato sostén que a Consellaría de Educación, que acaba de vivir un relevo na súa dirección, “non poden deixar de lado ao estudantado con necesidades específicas de apoio educativo, aos menores de 3 a 5 anos e aos da franxa de idade entre 6 e 12 cando son precisamente quen máis dificultades teñen á hora de manexar os equipos de protección e á hora de levar a cabo a hixiene e desinfección do material por inmadurez e mesmo por falta de habilidades motoras”.

Este malestar estase a ver directamente nas mestras e mestres galegos, que son os que máis accións de oposición ao protocolo están a desenvolver. Este contexto está animando ao colectivo a acudir aos paros convocados para os días 10 e 16.

Desde onte sumáronse os apoios das dúas principais asociacións de ANPAs do ensino público galego así como as organizacións estudantís Erguer e Anega.