O profesorado galego perdeu 9% de poder adquisitivo "e segue a ser do peor pagado", denuncia a CIG

Gráfico elaborado pola CIG-Ensino.

O sindicato indica que ao remate da vixencia do “acordo de homologación docente” a situación retributiva “segue igual”.

“Segundo datos oficiais do INE a evolución dos prezos entre o ano 2010 e o 2020 supuxo un incremento do prezo da vida do 13,27%. É dicir, para falar de recuperación do poder adquisitivo [do profesorado] teriamos que ter unha suba salarial superior a este 13,27% desde o 2010, e esta suba só foi dun 4,02%, o cal quere dicir que o profesorado galego leva perdido un 9,25% de poder adquisitivo nesta década”. Esta afirmación corresponde á CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público de Galiz nun comunicado sobre o acordo retributivo asinado entre a Consellaría de Educación e os sindicatos CCOO e UGT.

“Nunca un acordo retributivo como o no verán de 2018 suscitara tan escaso apoio entre a representación do profesorado galego”, afirma a central nacionalista.

A CIG-Ensino di que a súa negociación fora no seu momento unha “fraude”. Afirma que o argumento empregado pola Consellaría e os sindicatos asinantes foi a homologación salarial do profesorado galego co resto do Estado e denuncia que porén, “dous anos e medio despois estamos exactamente como a CIG-Ensino advertiu: igual”.

Para a CIG-Ensino o resultado daquel acordó “está á vista de todo o mundo”. “A escusa montada pola administración e os sindicatos asinantes non se sostén. Supostamente o acordo ía colocarnos nunha mellor posición que a que tiñamos. Para que lle cadraran as contas excluíron conceptos retributivos dalgunhas comunidades”.

As cifras que ofrece a CIG-Ensino indican que “gañamos unha media de 532 eros menos ao mes que en Ceuta e Melilla, 285 euros menos que en Euskadi ou 216 euros menos que en Navarra. Comunidades como Castela A Mancha ou Cantabria seguen tamén por riba, como estaban daquela”.