O profesorado galego irá á folga o 12 de decembro

Representantes das diversas organizacións sindicais anuncian a folga.

As diversas organizacións sindicais con representación no ensino público anunciaron as mobilizacións a levar a cabo nas próximas semanas antes da aprobación dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2020. O paro é pola recuperación dos horarios lectivos e mellorar as condicións de traballo.

“Ante o non tallante da conselleira a devolver parte dos dereitos roubados ao seu persoal docente, en concreto a redución horaria a 18 horas en secundaria e a 21 en primaria recortadas por Feijóo antes incluso do Decreto de 2012 de Rajoy, a resposta das organizacións sindicais vai ser contundente”. Así o anunciaron portavoces de todos os sindicatos con representación no ensino (CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF).

A primeira das accións a realizar será o vindeiro 13 de novembro. Delegados e delegadas sindicais levarán a cabo unha marcha arredor do edificio da Xunta en San Caetano que finalizará cunha concentración fronte ás instalacións da Consellaría de Educación.

Este mesmo mes, o día 21, haberá  concentracións unitarias nas sete grandes cidades galegas para amosar “o profundo malestar e o cansazo do persoal docente galego ante os ataques e os recortes sufridos na última década”.

Actualmente son sete territorios os que xa aprobaron a devolución do horario lectivo (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura). Mentres, na Galiza “a conselleira segue aludindo a que non darán ningún paso até que o goberno central habilite unha partida para este fin”.

"Auténtico insulto"

“Un auténtico insulto ao profesorado galego –en palabras do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello,- que sabe perfectamente que cando lle foi aplicada a ampliación horaria, a Xunta non lle devolveu a Madrid os cartos que aforrou co recorte de miles de postos de traballo dun ano para outro. As consecuencias desta medida vímolas padecendo nestes últimos anos: imposibilidade de facer apoios, reforzos e desdobres; aumento da impartición de afíns, das ratios de alumnado por aula e das itinerancias; exceso de carga de traballo para o profesorado que non pode preparar as clases nin corrixir exames e tarefas en condicións… “

As mobilizacións neste primeiro trimestre está previsto que culminen o día 12 de decembro cunha folga xeral no ensino. A data elixida responde, indican os sindicatos, á necesidade de incluír nos próximos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza para 2020 que neses momentos aínda estarán sen aprobar.