Profesorado e familias piden a palabra perante o silencio da Consellaría

Concentración de profesorado (Foto: CIG-Ensino)

Concentracións piden a Educación que se aveña a negociar como vai planificarse o curso que comeza en menos de dous meses e que estará marcado polo coronavirus.

O verán axiña pasa e setembro figura en vermello no calendario de miles de familias polo inicio do curso escolar, un curso que virá marcado polas obrigas derivadas das medidas de seguridade perante o coronavirus.

Porén, como inciden sindicatos e Anpas, mentres noutros territorios avánzase nas negociacións e conversas entre consellarías de comunidade escolar para preparar ese inicio, na Galiza o que hai por parte do departamento autonómico é “silencio”.

Para denunciar iso decorreron diversas concentracións na Galiza, como a protagonizada pola CIG-Ensino en Compostela, fronte á Consellaría de Educación.

“Hai máis dun mes que a Consellaría permanece calada e faltan dous para o inicio do curso”, criticaba a central nacionalista. Na concentración, o sindicato recreou diante de San Caetano unha aula con 20 estudantes mantendo as distancias de seguridade para esixir a negociación xa da planificación sanitaria e educativa.

Os e as participantes na protesta situaron un grupo de cadeiras nunha área de 50 metros cadrados, na que se distribuirían uns 20 alumnos mantendo a separación de 1,5 metros entre eles. O secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, advertiu á Xunta de que a única maneira de garantir ese distanciamento é máis recursos de persoal, que permitan realizar desdobramentos, reducir grupos de alumnos e contar cun ensino presencial.

Bermello censurou que "a única novidade" que están a recibir os centros dos despachos de San Caetano é "o peche de unidades", situación que contrasta coa evidencia de necesidades para adaptarse á crise sanitaria que vive a sociedade.

"Nestes momentos, noutras comunidades de todas as cores políticas xa están avanzadas estas negociacións e aquí o único que sabemos é que a Xunta do PP mantén a súa dinámica de pechar unidades educativas como todos os veráns. Os centros, o profesorado e as familias non se merecen tanto desprezo e desatención", advertiu.

“Centros, familia e profesorado non se merecen este desprezo e silencio por motivos electorais do goberno do PP”, indicaba o sindicato.