Profesorado e familias reclaman a Xunta diminuír as ratios de alumnado o vindeiro curso

Concentración de profesorado, alumnado e familiares en Redondela (Imaxe: Nós Diario).
Concentracións en Redondela, Bueu ou Cangas. A CIG-Ensino tamén se concentrou en Viveiro e realizou unha acción en San Caetano. Centros, familia e profesorado non merecen este desprezo e silencio por motivos electorais do goberno do PP", censurou o secretario nacional, Suso Bermello. 

"Non imos aceptar aulas a rebentar", "Alumnado ateigado, alumnado abandonado" ou "Unha escola non é unha gaiola" foron os lemas que se escoitaron onte na xornada de protestas que tivo lugar no concello de Redondela, iniciadas en Cangas e secundadas nos municipios de Moaña ou de Bueu, entre outros.

Profesorado, alumnado e familiares dos centros IES da Chapela, IES Illa de San Simón, IES Mendiño e IES Pedro Floriani de Redondela, así como os do IES Johan Carballeira de Bueu concentráronse para reclamar á Xunta da Galiza menores ratios de alumnado por aula no vindeiro curso, sumándose a un comunicado aprobado polo IES de Rodeira de Cangas o pasado 2 de xullo de 2020.

"Non  podemos  aceptar  que  o  curso  2020-2021  se  continúe  a  planificar cos mesmos parámetros que os anteriores, ca mesmoa cota de profesorado e aceptando ratios  de  30  alumnas  por  grupo  na  ESO  e  de  33  no  Bacharelato", aseguraron desde Redondela nun comunicado.

En Bueu, a vicedirectora do centro, Noelia Torres, leu un manifesto que condensou as peticións das persoas concentradas á Consellaría de Educación: a redución de alumnado e a dotación do persoal, infraestruturas e materiais para posibilitar un curso presencial e seguro.

Rafael Oliveira, representante da Asociación de Nais e Pais, lembrou que a crise ocasionada pola COVID-19 demostrou "que a educación presencial é máis importante que nunca". "Sen medidas de apoio á educación, non hai futuro", declarou.

A dous meses do inicio do curso e ante o silencio da consellaría profesorado, alumnado e familias alzaron a voz demandando medidas que garantan unha educación presencial con todas as medidas de seguridade necesarias pola pandemia. 

Protesta ante a Xunta

As concentracións contan co apoio da CIG-Ensino, que paralelamente se concentrou en Viveiro e desenvolveu unha acción ante a sede da Xunta da Galiza en Compostela. Alí, escenificaron unha aula onde vinte supostos estudantes sentáronse gardando a distancia de metro e medio de seguridade, as recomendadas polo Ministerio de Sanidade.

O ministerio tamén aconsellou ás Administracións territoriais a redución do número de estudantes por aula. Para facilitar a contratación de profesorado que atenda a estes grupos reducidos, o Goberno estatal destinou un fondo do cal a Galiza corresponden 120 millóns de euros.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, criticou o pasado 11 de xuño as directrices estatais, alegando que "representarían unha ruptura dos grupos xa estabelecidos nas aulas" e que o mantemento dos grupos actuais presentan "maior seguridade socioemocional ao alumnado".  Previamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, solicitou poder destinar o orzamento a outros fins.

"Centros, familia e profesorado non merecen este desprezo e silencio por motivos electorais do goberno do PP", censurou o secretario nacional, Suso Bermello.