O profesorado da pública, "farto" dos "desprezos" da Consellaría de Educación

Protesta do profesorado fronte á Consellaría de Educación, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Persoal docente de toda a Galiza mobilízase en Compostela para exixir un "cambio de rumbo" nas políticas de persoal do Goberno galego.

Docentes de todo o país concentráronse esta sexta feira fronte á sede da Xunta da Galiza, en San Caetano (Compostela), nun novo acto de protesta convocado pola CIG-Ensino para "evidenciar" o seu "malestar" por mor do "desprezo" da Consellaría de Educación no que atinxe ás súas demandas.

Xa o pasado 8 de xuño mestres e mestras mobilizáranse diante de cadanseus centros educativos "fartas" das "decisións unilaterais" tomadas desde o Goberno galego de cara ao vindeiro curso escolar.

Esta sexta, máis unha vez, o profesorado puxo de manifesto as eivas nos diferentes niveis do ensino. Carlos Calvente, profesor de Infantil e Primaria, salientou o "desprezo" do departamento que dirixe Román Rodríguez á hora de determinar a necesidade e duración do período de adaptación, así como as "graves carencias na atención á diversidade".

No que atinxe á FP, a docente Viviana Roibás lamentou a "inxente carga burocrática" para o profesorado, "en detrimento da necesidade de centrarse na práctica docente".

O persoal interino e substituto, o "máis precarizado"

Mais, segundo precisou Iria Aboi, mestra interina, o colectivo "máis precarizado" do sector é precisamente o profesorado interino e substituto, tratado como "de segunda" e ao que "se pretendía excluír do debate e toma de decisións a respecto dos horarios e reparto de grupos para o comezo de curso escolar en secundaria".

Pola súa parte, Xosé Díaz, membro da dirección dun centro, subliñou "todos os plans, programas e documentos que, impropiamente, ten que asumir o profesorado pola negativa da Consellaría a aumentar o persoal non docente", o que supón unha "deriva burocratizante" do ensino.

Aliás, Óscar Díaz, docente con experiencia en saúde laboral, puxo o foco nas "enormes eivas" que afronta o profesorado "cunha Administración que leva incumprindo desde hai décadas a lei de prevención de riscos laborais".

Fechou o acto o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, centrando a súa intervención na "necesidade dun cambio de rumbo nas políticas educativas e de persoal da Consellaría" e animando a unha "reacción do profesorado, farto de tanto desprezo e desconsideración, para forzar ese cambio se este non parte dos responsábeis políticos da Consellaría".