O profesorado chama á mobilización contra o protocolo da Xunta para o inicio do curso

Na mesa, os sindicatos reclamaron reelaborar o documento contando coa comunidade escolar.
A negativa da Consellaría de Educación a retirar o seu protocolo para o inicio do curso, de cara a incorporar na elaboración a visión do persoal docente e das familias, levou onte os sindicatos do ensino a abandonar a mesa sectorial na que se debatía un documento que ven "temerario", "inviábel" e "alleo á realidade das aulas".

Menos de media hora durou onte a mesa sectorial do ensino, na que os principais sindicatos deste ámbito –CIG, UXT, CCOO e ANPE– estaban chamados a analizar e facer achegas ao protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros galegos para o curso 2020-2021, un documento de 99 páxinas elaborado pola Consellaría de Educación e dado a coñecer 48 horas antes. 

As catro centrais sindicais abandonaron a reunión, na que a Xunta estaba representada a través da dirección e a subdirección xeral de centros, ante a súa negativa a desbotar o documento e comezar de cero, contando desta vez co criterio do profesorado e das familias, ao considerar a proposta "temeraria" e "inviábel", por ser "allea á realidade das aulas" e por descargar no profesorado e os equipos directivos "toda a responsabilidade preventiva".

"A única resposta que se pode dar é a mobilización social", avanzaba onte o secretario nacional de CIG-Ensino –o sindicato maioritario neste sector–, Suso Bermello, como anticipo á convocatoria na que as catro organizacións darán hoxe explicación detallada do rexeitamento conxunto ao protocolo.

Como anticipo, os sindicatos denuncian tanto as formas da Consellaría, "por agardar a que pasasen as eleccións para facelo público [o documento] e dar só 48 horas para presentar achegas", como o fondo, "ao pretender afrontar a pandemia sanitaria nas aulas sen incremento orzamentario, sen contratación de persoal de reforzo e sen redución de ratios", medidas que, segundo entenden, son "necesarias para garantir a distancia de seguridade nos centros".

Sen as familias 

A posición contraria ao documento compártea a Confederación de Anpas Galegas, que onte denunciaba que a Xunta "non tivo en absoluto en conta as familias, que somos quen imos sufrir as súas consecuencias, e limítase a estabelecer normas sanitarias de ocupación de edificios e realización de reunións, como se as nosas fillas e fillos non fosen parte do ensino público". 

Como xa denunciaran en horas previas os sindicatos, a plataforma censura que o deseño deste protocolo "coincide exactamente coa intención de non mudar nada do existente". "Estíranse as costuras do sistema educativo para non ter que investir nin un céntimo e adáptanse até o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal, nin docente nin non docente, máis instalacións, máis transporte, ou máis atención ao alumnado", resume.

As críticas, que a plataforma de familias comparte coa representación docente, apuntan, entre outras cuestións, á distancia interpersoal que a proposta da Xunta estabelece dentro das aulas, dun metro, "absolutamente insuficiente" e que, segundo advirte Anpas Galegas, bate coa exixencia que o mesmo documento estabelece para as salas do profesorado, de 1,5 metros. 

A entidade cualifica tamén de "irresponsabilidade" que a estratexia sanitaria se basee na autodiagnose de síntomas por parte de alumnado e rexeita tamén cargar neste colectivo as tarefas de hixienización, "que deben estar en mans de profesionais", ademais de sinalar outras eivas, desde a falta de atención ao alumnado con necesidades educativas específicas, a ausencia de directrices para asegurar unha educación virtual inclusiva, no caso de que sexa necesaria, ou a delegación nas direccións dos centros educativos toda a responsabilidade organizativa.

A Consellaría, pola súa banda, chamaba onte a representación do profesorado a negociar o documento existente, tachando de "irresponsabilidade" o plante, e avanzaba a súa intención de continuar coa súa tramitación, de cara a poder envialo aos centros, unha vez que obteña o "visto e prace" do comité intercentros de seguridade e saúde laboral, "co fin de que poidan ir preparando o inicio do curso". 

"Nesta ocasión, a vontade da Xunta de atender as demandas sindicais quedou tamén xa plasmada no compromiso de facerlle test serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos", fixo notar a través dun comunicado.

Críticas tamén desde o BNG

Tamén o BNG denunciou onte a "falta de diálogo" da Consellaría coa comunidade educativa por non ter en conta os distintos axentes na elaboración do protocolo e demandou que no documento "primen o diálogo, a seguridade e a calidade educativa e non os criterios económicos".

A formación nacionalista cre necesario incrementar o persoal docente e a redución das ratios de estudantes por aula para garantir o necesario distanciamento físico. "O Goberno galego ten que destinar os recursos económicos necesarios para garantir as condicións de seguridade, tanto do alumnado como do profesorado, porque falamos do dereito fundamental á educación”, alega a portavoz parlamentaria de Educación na pasada lexislatura, Olalla Rodil.