Vigo

Profesorado e alumnas reivindican unha ESAD "libre de violencias machistas" no regreso dos docentes denunciados por acoso sexual

Faixa reivindicativa pendurada no interior do edificio da ESAD de Vigo. (Foto: Nós Diario)
A Audiencia de Vigo arquivou a causa en maio ao entender que os comportamentos denunciados, "apertas e tocamentos no cabelo, brazos e pernas", poden responder tamén "a un comportamento afectuoso e carente de todo sentido sexual".

Os tres profesores da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo acusados por alumnas de presuntos delitos de abuso ou acoso sexual a comezos de 2020 reincorporáronse esta segunda feira aos seus postos de traballo.

Fixérono logo de que a Audiencia de Vigo decretase o pasado maio o arquivo da causa ao entender que os comportamentos denunciados, "apertas e tocamentos no cabelo, brazos e pernas", poden responder tamén "a un comportamento afectuoso e carente de todo sentido sexual". No caso dun dos profesores, a Xustiza decretou a súa inocencia.

En resposta, medio centenar de docentes e alumnos e alumnas concentráronse na mañá desta segunda feira na recepción do edificio para manifestar que, se ben non se determinou nin a culpabilidade nin a inocencia destes tres mestres, a súa posición "é a mesma" que cando denunciaron os feitos, o 1 de febreiro de 2020.

"Seguimos considerando que unha escola debe ser, ante todo, un espazo seguro no que a prioridade é o dereito á educación, pero unha Escola de Artes, ademais, debera ser un lugar para desenvolver o talento e a alegría do saber, non un lugar onde o ar a respirar destile medo, nerviosismo e amargura", expuxeron, nun comunicado.

Así, a asemblea do profesorado incidiu en que "o dereito a crer mulleres que declaran ser vítimas de acoso é unha decisión persoal que non ten nada que ver coas nosas obrigas laborais", polo que a "crenza das vítimas" implica a súa "empatía" con elas, mais "non necesariamente unha forma de acusación ou sinalamento dos agresores".

"Compartimos coas mozas denunciantes a dor diante da inacción da Administración para resolver un problema que, lonxe de arquivarse, persiste a modo de trauma na memoria, e teima en manifestarse na sensación de inseguridade nas dinámicas de ensinanza-aprendizaxe, e na certeza da impunidade sobre as prácticas inapropiadas que, de producírense, seguirían sen atopar canles de solución que non revitimizasen ás persoas que as sufrisen", engadiu.

Finalmente, o persoal docente presente na asemblea amosou a súa "vontade" de "protexer as estudantes presentes e futuras a través das ferramentas das que esteamos dotadas, comprometéndonos a facer o posíbel pola mellora constante da convivencia, así como pola seguridade, e por converter a nosa Escola nun verdadeiro espazo libre de violencias machistas".