Unha profesora da Coruña: “Levamos todo o curso coidando os nosos alumnos e a Xunta non nos vacina”

Viais da vacina de AstraZeneca contra a Covid-19. (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

“Levamos todo o curso coidando os nosos alumnos, expuxémonos diariamente ao virus. Cada día ao chegar ao Instituto mirabámonos con medo; e así, entre dobres máscaras e gargantas esnaquizadas, conseguimos chegar á meta do curso máis difícil”. “E en pago a todos os nosos desvelos a Xunta non nos vacina”. Eis o testemuño da profesora dun IES da Coruña.

Helena, nome figurado, é profesora dun instituto da Coruña. Inoculáronlle a primeira dose da vacina de AstraZeneca mais, pasadas as 12 semanas, que é o tempo máximo que contemplan o laboratorio e a Axencia Europea do Medicamento para pór a segunda, segue sen cita. A súa situación padécena “un gran número” de profesoras e profesores.

“Levamos todo o curso coidando os nosos alumnos, expuxémonos diariamente ao virus. Cada día ao chegar ao Instituto mirabámonos con medo; e así, entre dobres máscaras e gargantas esnaquizadas, conseguimos chegar á meta do curso máis difícil”, advirte a ensinante, que lamenta “seguir sen cita, arriscándonos a perder a inmunidade”.

En conversa con Nós Diario, Helena lembra que por recibir o fármaco de AstraZeneca “estamos na obriga de asinar un consentimento informado, nun agravio comparativo -engadido ao anterior- co resto da poboación”.

“Todo o mundo está a ser citado seguindo escrupulosamente as pautas marcadas, menos nós. Pero iso si, o presidente Feixoo saca peito falando do ben que vai a vacinación na Galiza e apunta que, en breve, vai vacinar as persoas de vinte anos; o cal aplaudimos todos, pero cumpra a pauta cos que xa excedemos o tempo entre dose”, reclama a profesora.

“Feixoo, ten vostede un grupo de cidadáns cos que está a incumprir as indicacións sanitarias, que ademais están ao seu cargo como traballadores da Xunta da Galiza. Espero que non enfermemos ningún de nós, porque se iso chegase a suceder tería un gran peso sobre a súa conciencia, á parte das responsabilidades de toda índole a que houber lugar”, expresa Helena.

“Estou segura de que vostede, que é máis ou menos da miña idade, está vacinado; como o estaría eu se me vacinasen por idade”, advirte, “mais claro, como nos catalogaron de esenciais decidiron saltarse todas as normas sanitarias connosco, vostede e o seu conselleiro de Sanidade”.

“Estamos a esperar que nos expliquen a razón deste abandono, e só atenderemos a razóns sanitarias, non a terxiversacións interesadas inventadas polos políticos; dános igual o seu signo”, conclúe a afectada.

A Xunta incumpre a promesa de adiantar a segunda dose

O Goberno galego, a través do presidente, Alberto Núñez Feixoo, anunciara o pasado 23 de xuño que decidira adiantar a segunda dose do fármaco de AstraZeneca á poboación maior de 60 anos para protexer contra a variante delta -a procedente da India- do coronavirus, como xa o decidira unhas semanas antes o Goberno rexional de Madrid.

A delta, con maior capacidade de transmisión que outras variantes, é máis resistente a unha soa dose do medicamento que outras. Ao apurar a segunda inoculación, Sanidade pretendía facer fronte a esa realidade, mais no caso do profesorado non só non se adiantou a segunda dose, senón que continúan a agardar pasada a semana 12.