Juan Gestal: "A Covid-19 evidenciou as deficiencias do noso sistema de saúde"

Juan Gestal no I Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Vía Láctea Comunicación)
“Que Nacións Unidas en 2020 declarase o 27 de decembro como Día Internacional de Preparación contra Epidemias é, sen dúbida, unha consecuencia do ocorrido coa pandemia de Covid-19, que colleu a moitos países sen estar adecuadamente preparados para facerlle fronte”, sinala o doutor Gestal, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela.

Dentro de tres días, concretamente o 27 de decembro, conmemórase o Día Internacional da Preparación ante as Epidemias, unha data que pretende visibilizar a importancia da prevención das epidemias e a preparación e a colaboración para darlles resposta.

“Que Nacións Unidas en 2020 declarase o 27 de decembro como Día Internacional de Preparación contra Epidemias é, sen dúbida, unha consecuencia do ocorrido coa pandemia de Covid-19, que colleu a moitos países sen estar adecuadamente preparados para facerlle fronte”, sinala o Doutor Juan Gestal, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela.

“A celebración deste día permitirá chamar a atención os países e motivarlles a prepararse para facer fronte aos desafíos infecciosos que poden presentarse en calquera momento”, sinala un dos maiores expertos en Saúde Pública e que tivo un relevante papel divulgador desde o inicio desta pandemia co fin de loitar contra a desinformación e as fake news.

O profesor Gestal publicou este ano o libro Pandemias. As epidemias que arrasaron a humanidade (Ed. Bolanda, 2021) un volume no que expón datos, anécdotas e curiosidades para desmitificar algo que acompañou á humanidade desde o inicio dos tempos.

“No noso país a Covid-19 puxo en evidencia moitas deficiencias do noso sistema de saúde que esixen urxentes reformas. Algunhas xa eran coñecidas con anterioridade e a crise agudizounas, e outras se puxeron de manifesto durante a pandemia, tanto en saúde pública como en atención primaria e atención hospitalaria”, explica Gestal.

“Para a súa corrección precísase dotación de recursos humanos, renovación tecnolóxica e cambios nos modelos de xestión e de organización do traballo, con menos burocracia e máis tempo para a atención dos pacientes”.

Recomendacións ante outro Nadal complicado

“Estamos nun momento de crecemento rápido da sexta onda, na que a variante  ómicron pasou en apenas dúas semanas de ser menos de 4% a máis de 50% de todos os illamentos. Son cadros máis leves ou asintomáticos na maioría dos infectados, pero tamén hai cadros graves polo que debemos protexernos”, advirte o profesor Gestal.

“Nestas datas de Nadal nas que nos estamos reencontrando cos nosos familiares e amigos debemos de ser moi prudentes para evitar contaxiarnos e poder gozar destas”.