O profesor da USC suspendido tres anos por comentarios machistas reiterados ás súas alumnas volverá impartir clase

O profesor da USC Luciano Méndez. (Foto: Europa Press)

O docente encargarase de dúas materias do Grao en Economía

Luciano Méndez Naya, o profesor da Universidade de Santiago (USC) suspendido durante tres anos por comentarios machistas ás súas alumnas, e coñecido por colgar unha serie de vídeos de apoio a ‘La Manada’, volverá o próximo curso a impartir clase.

Así o confirmaron fontes da universidade, que destacaron que esta reincorporación prodúcese unha vez concluíu o período de tres anos de suspensión.

Segundo reflicte a súa ficha na universidade, Luciano Méndez encargarase o próximo curso de dúas materias do Grao en Economía: Modelos Matemáticos para a Economía e Matemáticas para Economistas II.

En abril cumpriuse a sanción de tres anos que mantivo durante este período afastado a Méndez Naya das aulas. Aínda que daquela se reincorporou de facto á universidade, non se lle asignaron aínda materias, algo que si impartirá o próximo curso.

A USC abriu en outubro de 2019 un expediente a Luciano Méndez por facer comentarios machistas na aula sobre o escote dunha alumna, un proceso que derivou nunha suspensión de tres anos.

Non era a primeira ocasión na que Méndez Naya sufría unha sanción deste tipo, xa que fora suspendido con anterioridade dous meses de emprego e soldo como consecuencia doutro expediente aberto por comentarios similares cara a unha alumna en 2016.

En 2018, a USC remitiu a Fiscalía un informe en relación a uns vídeos colgados por Méndez Naya en redes sociais nos que defendía a ‘La Manada’ e cargaba contra a vítima, aínda que nesta ocasión os feitos non tiñan relación directa coa súa función docente. Ademais, en setembro do ano pasado, a Audiencia da Coruña confirmou unha condena imposta ao docente por un altercado con axentes da Policía Nacional en Santiago.