Profesionais urxen a Xunta a triplicar o persoal de psicoloxía

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
Galiza ten catro especialistas por 100.000 persoas.

O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG) considera que o número de facultativos neste campo no Sergas debería verse multiplicado por tres para ofrecer unha asistencia "de calidade".

Na actualidade o Sergas conta con catro psicólogas e psicólogos por cada 100.000 habitantes, cando se estima que unha taxa por debaixo de 12 especialistas imposibilita o correcto funcionamento deste servizo.

Alta demanda na poboación máis nova

A alta demanda do servizo de Psicoloxía na infancia e adolescencia e o baixo número de especialistas, fai que a espera para ser atendido sexa desde seis meses, no mellor dos casos, até un ano dependendo da área sanitaria na que se insira o paciente.

O organismo cifra que sería necesario engadir entre 50 e 60 novos profesionais como mínimo, para lograr atender as necesidades actuais da poboación infanto-xuvenil. Tamén inciden na necesidade da presenza dun psicólogo fóra de ámbitos clínicos, é dicir, reforzar a presenza destes en contextos distintos, como os centros de Educación Primaria e Secundaria e nos servizos sociais comunitarios dos Concellos.

Pola súa parte, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza, aseguran que a terapia é o mellor dos remedios contra a depresión.

"É o remedio máis eficaz" para tratar este problema de saúde mental, máis para iso, apuntan, "é necesario que a atención psicolóxica sexa accesíbel e estea próxima ás persoas para poder diagnosticala e tratala nos estadios máis temperáns", afirman desde este organismo.

Novos facultativos

Malia a que a Galiza incrementou este ano en 30% as prazas formativas nas especialidades de saúde mental -sinalou onte Sanidade-, segue a contar cunha mínima implantación neste sector. Sería necesario, di o Colexio, aumentar ese número, pois a atención psicolóxica na Primaria é fundamental para a prevención en saúde mental.