Un manifesto denuncia retrocesos en dereitos e liberdades da man da xestión da crise

Máis dun cento de profesionais do dereito subscriben 'Os dereitos da persoa tamén son para as pandemias', un manifesto “por unha xestión da crise sanitaria da COVID-19 democrática e con dereitos”

Máis dun cento de profesionais do dereito de Galiza e outros territorios do Estado impulsan un manifesto que nace con vontade de servir de “reflexión” para un diálogo e debate sobre os dereitos e liberdades nunha situación de crise como a actual.

As asinantes de 'Os dereitos da persoa tamén son para as pandemias', que así se titula o manifesto, recoñecen o seu “malestar” e “preocupación” polo que consideran “inxustificados recortes e retrocesos que a xestión desta crise sanitaria esta supoñendo para os dereitos e liberdades e, nomeadamente, para os dereitos fundamentais”.

Sendo conscientes, indican, da “complexidade e dificultades” que implica xestionar unha crise sanitaria como a derivada da pandemia do coronavirus, advirten sobre “unha actividade sancionadora masiva e centralizada, que parece transformar un problema sanitario nun de orde pública”. A isto engaden “o uso expansivo das habilitacións legais que fan irrecoñecíbeis os dereitos de manifestación e reunión, e buscan limitar a liberdade de expresión...”. O que consideran que supón unha “deriva, como mínimo, pouco respectuosa cos principios democráticos”.

Inciden, neste punto, en que o poder xudicial e o Tribunal Constitucional teñen a responsabilidade de facer un control que “garanta o exercicio real dos principios e dereitos constitucionais”.

As asinantes do manifesto apelan aos poderes públicos para que garantan, “sen arbitrariedades -proscritas polo artigo 9.3 da Constitución-, o exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, que non foron suspendidos polo actual estado de alarma”.

“Para que saiamos desta crise sanitaria, que en ningún caso é unha guerra, máis reforzados como sociedade e como democracia, o virus non debe infectar a integridade e plena efectividade dos nosos valores fundamentais”, conclúen.

Entre as asinantes, hai catedráticos de Universidades galegas como Alba Nogueira e Carlos Amoedo, avogados de sindicatos como a CIG e da CUT, así como profesionais da avogacía en diferentes ámbitos.