Profesionais da saúde mental defenden un rexistro "preciso e rigoroso" do suicidio

A incidencia do suicidio na Galiza supera a media estatal e afecta desde a poboación menor até a da terceira idade. (Foto: CARTV / Europa Press)
O Movemento Galego da Saúde Mental urxe anonimato e confidencialidade no tratamento de datos persoais sobre suicidios e tentativas autolíticas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña anunciou a semana pasada no Parlamento a creación dun rexistro de intentos de suicidio e de dano autoinfrinxido de ámbito galego co obxectivo de coñecer a incidencia, a prevalencia e os factores asociados a este problema de saúde pública.

É, segundo avanzou, unha das actuacións previstas polo Goberno da Xunta en materia de saúde mental. A tramitación desta iniciativa, pendente só do informe da asesoría xurídica, dixo, atende á reforma dos actuais órganos de prevención do suicidio en todas as áreas sanitarias.

Mais, de momento, tan só as de Ourense, Lugo e Vigo contan con unidades especializadas de seu, con espazo propio e persoal asignado, lembra a Nós Diario Rosa Cerqueiro, voceira do Movemento Galego da Saúde Mental.

"A de Ourense foi a pioneira e funciona moi ben desde o ano 2009. A de Vigo acaba de poñerse en marcha hai unhas semanas. A maiores está a de Lugo. O resto das áreas teñen pendente a contratación de persoal para poder poñer en marcha esas unidades específicas segundo o previsto no plan galego de saúde mental", di.

Por cada suicidio consumado estímase que se producen unhas 20 tentativas

Sobre a creación dun rexistro de tentativas autolíticas, Cerqueiro defende a importancia de contar "con información precisa, rigorosa e actualizada" sempre e cando esa recollida garanta os dereitos das persoas. Así, pon o acento na "obriga" da Administración sanitaria "de preservar os datos de identificación persoal de cada paciente, separados dos de carácter clínico-asistencial, de maneira que quede asegurado o seu anonimato e confidencialidade". 

Complexo e dinámico

A Organización Mundial da Saúde leva anos advertindo da "imprescindíbel" recollida de datos de calidade non só sobre a mortalidade asociada ao suicidio, senón sobre as tentativas autolíticas, "dado que contribuirá a estabelecer plans de prevención eficaces e a mellorar a prestación de servizos ás persoas que acoden aos centros sanitarios tras un intento de suicidio", afirma Rosa Cerqueiro.

Os datos dispoñíbeis son insuficientes. Os de 2020 aínda non se coñecen. Os últimos divulgados corresponden a 2019: 318 suicidios segundo reflicte a memoria anual do Instituto de Medicina Legal da Galiza. "Chegan demasiado tarde, e iso non permite tomar decisións no momento, acaídas á información e características dos casos que se van dando".

Por cada suicidio consumado estímase que se producen unhas 20 tentativas, aclara a voceira do Movemento Galego da Saúde Mental, quen chama a atención sobre a "complexidade" dun problema de saúde que atinxe a toda a sociedade. "É unha realidade complexa pero non misteriosa, que atende a diferentes factores de risco". É unha realidade dinámica que exixe información en tempo real para poder "emprender accións de carácter preventivo ou intervencións adecuadas en función das circunstancias de risco que sexamos capaces de anticipar".

Non é unha realidade descoñecida, acentúa, "pero precisamos saber como se están producindo as cousas para actuar desde o ámbito sanitario, educativo ou da protección social". E esa acción comunitaria exixe programas específicos e dotados de recursos profesionais "para que non queden nun simple texto".

Suicidio: cuestión de saúde pública

O suicidio é un problema de saúde pública. "Primeiro porque goza dunha alta incidencia, por riba da media estatal no caso galego, con 12 suicidios por cada 100.000 habitantes", salienta Rosa Cerqueiro. Mais tamén porque é unha situación que compete ao conxunto da sociedade. "Non vale dicir que é algo alleo a min. Non escapa a ninguén. Por iso exixe decisións a nivel colectivo e multisectorial". Aínda máis, engade, "moitas veces é só a punta do iceberg obriga a mirar que hai debaixo".