"Toda patoloxía respiratoria presentará unha clínica compatíbel coa Covid-19"

Traballadores sanitarios realizan tests Covid-19 (Europa Press).
Profesionais tanto da sanidade primaria como da especializada piden reforzar e ordenar a loita contra o coronavirus ante as complicacións asociadas á chegada do inverno. A gripe e as infeccións respiratorias estacionais convivirán coa Covid-19.

A curva de contaxios por coronavirunas na Galiza segue en ascenso. A detección de novos positivos aumenta e desde hai varios días supera o limiar dos cen casos diarios, segundo revelan os datos divulgados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade.

A área sanitaria da Coruña é que máis contribúe a este incremento que a comunidade médica observa con preocupación. Sociedades científicas do Estado español emitiron un comunicado conxunto para advertir de que as medidas que se están tomando non son suficientes para controlar a transmisión da infección, polo que exixen solucións novas "coordinadas, rápidas e eficaces" entre todas as Administracións. De continuar esta tendencia, "existe unha alta probabilidade de volver a enfrontarnos a situacións asistenciais tan graves" como as que se deron no pasado, durante o estado de alarma.

Aumento de ingresos e falecementos

Desde a Galiza, o presidente do Colexio de Médicos de Ourense e portavoz da Sociedade Galega de Medicina Interna, José Luis Jiménez, defende que, malia ser desigual, existe un "aumento obxectivo" de novos casos de Covid-19 que nunhas semanas "se vai traducir nun incremento de ingresos hospitalarios, de ingresos en Unidades de Coidados Intensivos e posibelmente de falecementos".

Estase demonizando a mocidade de forma inxunta.

"A correlación non vai ser tan explosiva como en marzo ou abril", porque o perfil dos casos que se descobren agora mudou. Fanse máis probas e diagnostícanse máis persoas novas que antes non se detectaban aínda que probabelmente xa estivesen na base da transmisión comunitaria.

Neste sentido, non cre que se volva producir un colapso do sistema como o que se deu durante a primeira onda da pandemia "pero si haberá unha suba significativa da demanda que vai coller o sanitarios bastante cansos".

Toca hibernar a vida social

A sociedade, asegura, respondeu de forma bastante razoábel. "Creo que neste momento se está demonizando a mocidade de maneira inxusta, porque o incremento de novos contaxios vén do aumento da relación social de todos da poboación en todas as súas facetas", o que inclúe a vida familiar, as amizades e mesmo actividades económicas puntuais que "teñen máis difícil o cumprimento da distancia de seguridade interpersoal".

A sociedade ten que entender que hai que hibernar a vida social. A mellor medida para minimizar a posibilidade de contactos.​

Jiménez, médico internista no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, defende que é o momento de facer máis para suplir as carencias do que se deixou de facer. "A sociedade ten que entender que hai que hibernar a vida social. Adiar todo o prescindíbel e restrinxir as relacións ao ámbito de convivencia máis próximo". A mellor medida para minimizar a posibilidade de contactos.

Ás Administración públicas reclámalles o cumprimento daquilo que se decreta, os cambios necesarios para aplicar as medidas necesarias en cada territorio en función da súa situación epidemiolóxica e maior transparencia á hora de comunicar os datos que explican a realidade.

Escaseza de recursos e organización

"Após a ampliación de contrato ao colectivo médico que acababa a súa especialidade non se investiu máis no incremento de profesionais", lembra José Luis Jiménez, quen avoga por ordenar o traballo cos recursos que hai para anticiparse ás complicacións que vai traer a chegada do inverno, coa gripe, as infeccións respiratorias estacionais e a Covid-19.

Toda patoloxía respiratoria vai ser clínica compatíbel coa Covid-19. Cómpren equipos específicos de atención á patoloxía respiratoria.

Nalgúns casos vai ser difícil saber de que se trata. Imos precisar máis tempo e máis probas, sobre todo en Atención Primaria (AP) que talvez necesite dispoñer das tardes, "mais haberá que ordenar esa asistencia e pagala mellor".

Campaña de vacinación antigripal

Alvaro Carrera, presidente da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), reclama un "reforzo extraordinario de enfermeiras para AP garantindo unha dotación do 120% para a campaña da vacinación antigripal". A finalidade, di, é aumentar as taxas de vacinación e evitar aglomeracións nos centros de saúde, para o que apunta a posibilidade de recorrer a centros comunitarios "seguros" e de incrementar a vacinación a domicilio "captando o grupo familiar".

Carrera tamén fai fincapé nos complicacións asociadas ao inverno. Así, cre conveniente reforzar os centros de saúde para dispoñer "de equipos específicos de atención á patoloxía respiratoria, xa que toda patoloxía respiratoria vai presentar unha clínica compatíbel coa Covid-19".

Avecíñase unha crise de coidados tanto no ámbito familiar como no comunitario e sociosanitario.

A maiores, defende a dotación estrutural de enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria, necesarias para liderar "o afrontamento da crise de coidados que se aveciña, tanto no ámbito familiar, como no comunitario e sociosanitario".

Labores de rastrexo

Desde a Agefec tamén se suman á solicitude de información máis detallada sobre a estrutura e funcionamento do sistema de rastrexo na Atención Primaria. "Cómpre unha integración funcional dos equipos de Saúde Pública coa Atención Primaria para mellorar a comunicación e corroborar a efectividade da busca de contactos" afirma, cuxo liderado deberían asumir as enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria. "Teñen maior capacidade de resposta ás inquedanzas dos contactos e acceso directo á súa historia de saúde, o que facilita respostas concretas ás súas necesidades".

Unha demanda xeral que comparte o presidente do Colexio de Médicos de Ourense. "Temos moi pouca información sobre as tarefas de rastrexo, falta transparencia e coordinación, para que os médicos de AP saiban non só dos casos activos, senón tamén dos seus contactos estreitos, unha información que descoñecen salvo que a súa PCR resulte positiva".