Profesionais da Sanidade na Galiza demandan ao goberno que pare os recortes

Centos de profesionais sanitari@s, convocad@s polos sindicatos CC.OO., UGT, CSI-F, Cemsatse e Satse, concentráronse en oito hospitais galegos para protestar contra os recortes postos en marcha polo Goberno en materia de sanidade e advertiron que "coa sanidade non se xoga". O Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), Hospital Xeral Calde de Lugo, Complexo Hospitalario de Ourense, Arquitecto Marcide de Ferrol, Comarcal de Lemos, Hospital Xeral de Vigo, Meixoeiro de Vigo, e Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) foron algúns dos puntos onde se celebraron estas concentracións.

En declaracións aos medios de comunicación, Lola González, de Comisións Obreiras en Galiza, sinalou que, con estas concentracións, @s profesionais sanitari@s reclaman que "se reforce o sistema público de saúde" tanto en equipos como en servizos, dado que "ultimamente se está a desmantelar".

"Estamos a quedar sen profesionais, están a pechar camas no verán que despois non volven abrir", indicou Lola González, que acusou o Goberno de pretender "introducir a xestión privada dentro da pública".

Ademais, os sindicatos reclamaron que se "protexa os profesionais sanitarios, dado que lles están a quitar todos os dereitos laborais a base de decretos" e criticaron que a administración recorte en sanidade e educación para destinar fondos "aos bancos", en relación á situación de Bankia.