Persoal de enfermaría ante a vacinación da Covid: "Somos unha sorte de Reis Magos"

Nieves Cabo, primeira galega en vacinarse da Covid-19 (Foto: Xunta).
Galiza inaugurou a segunda semana de vacinación fronte a Covid-19 cun lixeiro atraso sobre o calendario previsto. Con todo, os equipos designados polo Sergas para inocular residentes e persoal dos centros de maiores superaron xa as 10.000 vacinacións co fin de completar a administración da primeira dose a finais de xaneiro.

Galiza finalizou a primeira semana de vacinación contra a Covid-19 con 9.500 persoas inoculadas fronte ao SARS-CoV-2í o confirmou o pasado domingo a Consellaría de Sanidade a través da súa conta en Twitter.

A campaña, informou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nunha entrevista na Radio Galega, inicia a súa segunda xeira cun lixeiro atraso debido a demora na subministración do primeiro lote de vacinas. Con todo, as autoridades confían en cumprir o plan de inoculación previsto."Se non pasa coma a semana pasada, que ao final se atrasaron 24 horas, é posíbel que a finais de xaneiro poidamos dicir que a poboación diana, a máis vulnerable, que son os residentes dos centros sociosanitarios e os seus traballadores, xa contan coa primeira dose", asegurou Carmen Durán.

A campaña transcorre de forma fluída. Hai moi boa aceptación"

Ese é o obxectivo cara ao que se encamiña a planificación da Administración galega e ao que contribuíron a pasada xornada os equipos de enfermaría designados polo Sergas con novas vacinacións, co fin de alcanzar 12.200 semanais, anunciou Sanidade.

"Estes días chegamos ás residencias de maiores e aos centros de atención á diversidade como unha sorte de Reis Magos", asegura a Nós Diario Álvaro Carrera, presidente da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria e membro dun dos once equipos de vacinación que operan na área sanitaria de Ourense Verín e Valdeorras. 

Un agasallo de Nadal

Carrera inaugurou a semana a canda outras tres compañeiras no centro de atención á diversidade Aspanas-Velle, na cidade de Ourense. "Entre residentes e traballadores tiñamos previsto administrar a primeira dose da vacina a unha 110 persoas, polo que nos achegamos dous equipos para cumprir con este propósito". Conseguírono contra as 11:30 da mañá. "A campaña transcorre de forma fluída. Hai moi boa aceptación, de feito, sentimos como agardan pola vacina con ilusión, como se dun agasallo de Nadal se tratase", incide.

Cada equipo de vacinación comeza a semana cun calendario consolidado. Saúde Pública e Política Social son as encargadas de cadrar xunto á coordinación de cada área sanitaria os centros que toca inocular cada xornada.  "Unha vez sabemos que residencia nos corresponde, cada equipo ponse en contacto coas persoas responsábeis para planificar a loxística de cada centro e recompilar información chave de cada paciente ao que lle imos administrar a súa dose". A organización do operativo complícase cando no canto de visitar un só centro teñen programadas varias visitas. "En función das doses dispoñíbeis podemos acudir até catro centros nun día", confirma Carrera.

Optimización da vacina

Esta terza feira teñen cita en Melón e Avión, na comarca do Ribeiro. "Traballamos con doses nominais, o que quere dicir que sabemos de antemán a quen lle corresponde cada unha". As renuncias son moi puntuais, advirte o enfermeiro, "e adoitan  coincidir con persoas con antecedentes, que xa desbotaron participar noutras campañas de saúde pública". 

Doutra banda, Álvaro Carrera destaca a "boa xestión" que están a facer as profesionais da enfermaría dos viais que chegan ás súas mans. "Veñen indicados para cinco doses pero estamos sacando seis, o que nos deixa inxeccións dispoñíbeis para máis persoas".

A administración da segunda dose de vacinas e pode demorar máis aló do 20 de xaneiro

De non se producir novos atrasos na subministración da vacina, os profesionais da enfermaría confían en completar a vacinación dos centros de maiores a finais de febreiro. "A administración da segunda dose de vacinas e pode demorar máis aló do 20 de xaneiro. Non se debería demorar moito máis, co obxectivo de chegar a finais de febreiro cos centros sociosanitarios todos vacinados".

A previsión, apunta Carrera, é completar este primeiro ciclo  coa vacina de Pfizer-BioNTech, "como ocorre habitualmente con calquera outra vacina de pauta tan curta", malia que se aproben e se incorporen á subministración outros preparados comerciais.

Esforzo profesional

Sen datos concretos por parte da Administración, os sindicatos valoran o inicio do plan de vacinación fronte a Covid de maneira positiva. "De novo cómpre destacar o esforzo e a implicación das profesionais da enfermaría, que aínda esperan solucións para a Atención Primaria", sinala María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde. "Malia a non seguir o ritmo previsto nun inicio, a campaña transcorre sen incidencias", engade Emma Rodríguez secretaria de Satse en Pontevedra "pese a ser unha vacina máis complicada de manexar" e da que xa administraron o triplo de doses que noutros territorios. 

O maior reto, aseguran, pasa por adaptar a realidade á planificación prevista coas doses dispoñíbeis.