Profanan varias sepulturas no cemiterio de Castroverde, no Camiño Primitivo a Santiago

Sepulturas profanadas en Castroverde. (Foto: Europa Press)

A Garda Civil mantén abertas todas as liñas de investigación.

Na mañá da terza feira apareceron profanadas varias sepulturas no cemiterio de Soutomerille, no concello de Castroverde, polo que atravesa o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.

En concreto, foron 10 as tumbas afectadas por este acto vandálico. Delas, 4 foron totalmente profanadas, e as outras seis presentaban diversos danos.

O alcalde do municipio, Xosé María Arias, non atopa ningunha explicación sobre o acontecido no cemiterio de Soutomerille: "Parece cousa de crianzas". 

"Está a Garda Civil investigando. Isto non vén a nada, non ten sentido o esnaquizar por esnaquizar. É esnaquizar algo que non ten maior sentido", lamentou, para despois explicar que "non ten nin idea de quen pode estar detrás deste ataque ás tumbas.

Investigación do ocorrido

Mentres a Garda Civil prosegue coa súa investigación para dirimir a persoa ou persoas responsábeis do acto vandálico, a veciñanza de Castroverde segue a intentar recuperarse dun ataque "sen ningún sentido".

As sepulturas non pertencían a membros dunha mesma unidade familiar, senón que formaban parte de diferentes familias do concello. Porén, a Garda Civil non descartou, polo de agora, ningunha liña de investigación.

"Todo isto non ten sentido ningún. Parece máis cousa de nenos que non saben o que fan, que outra cousa", insistiu o alcalde de Castroverde, que segue sen dar "crédito" ao acontecido no cemiterio de Soutomerille.