Produtos galegos arrasan no Fòrum Gastronómic de Barcelona baixo o selo 'A provincia que sabe'

Xosé Regueira (dereita) cos cociñeiros da casa Nene (Foto: Deputación da Coruña).

Os cociñeiros Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, e Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño, protagonizan os showcookings da primeira xornada

Público e profesionais dun amplo espectro sectorial están a participar nas actividades e promocións que a área de Turismo da Deputación da Coruña está desenvolvendo na primeira das xornadas do Fòrum Gastronómic de Barcelona.

Baixo o selo 'A provincia que sabe', nesta edición a Deputación apostou por incorporar ás habituais degustacións e showcookings, a presenza de produtores e produtoras, e xerentes de varias marcas de produtos agroalimentarios

Deste modo, profesionais de puntos de venda, de cadeas de distribución, cociñeiros e cociñeiras procedentes doutros territorios da Península, bloggers e críticos gastronómicos están a ser atendidos directamente polos propios produtores e xerentes das marcas gastronómicas expostas.

"Participar de forma activa"

A idea é, segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, "dar a oportunidade aos produtores e produtoras a participar de forma activa nunha das feiras sectoriais que máis repercusión pode ter na promoción dos seus produtos fóra do noso territorio".

Regueira insiste en que se trata de "dar mostra da diversidade e calidade da cadea agroalimentaria e gastronómica como unha das nosas fortalezas”, co obxecto último de “procurar un retorno efectivo para produtores, distribuidores e hostalaría e orientar a promoción cara ao turismo consciente e de calidade".

O stand da Deputación no Fórum volve ofrecer, un ano máis, e a única “cociña que fala galego” en toda a programación da feira.

Entre os cociñeiros galegos que participaron encóntranse Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, e Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño.