Dereito a unha tarifa propia

Producir enerxía, exportar e calar

[Imaxe: Xas] Encoro de Belesar

Exportamos entre 30 e 40% da enerxía que producimos e aínda así, sendo excedentaria, Galiza vai pagar o recibo da luz máis caro do Estado para compensar as grandes eléctricas. As mesmas que facturaron por conta da enerxía do noso país centos de millóns de euros e pagaron ridículos impostos. A uns 400 quilómetros, de aquí, en Euskadi, as cousas son doutra maneira.  Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 319.

Xaneiro de 2015 non debe de traer boas lembranzas a Alberto Núñez Feixoo. En plena batalla contra a proposta do nacionalismo dunha tarifa eléctrica galega, o de Monte Pío tiña que  ver como o seu goberno amigo de Mariano Raxoi daba o visto bo á euskopeaxe, unha nova tarifa electrónica de acceso (6.1B) polo que a industria e economía vasca se beneficiaban de rebaixas significativas no seu recibo eléctrico. Entre 50 e 100 millóns de euros ao ano e por volta de 1.000 empresas agraciadas.

 

A deputada vasca Idoia Sagastizabal ten claro o obxectivo da medida: a industria vasca é “unha grande consumidora que soporta custos eléctricos demasiado altos que merman a súa competitividade”. Por iso desde 2014 o PNV marcou ao seu grupo parlamentar no Congreso un obxectivo fundamental: lograr a euskopeaxe.

 

E mentres...

 

Mentres, a 400 quilómetros de Euskadi e 500 de Madrid, na Galiza nada varía. Producimos electricidade, apandamos cos custos e retornos negativos, e as compañías (todas en mans foráneas) facturaron pola electricidade producida explotando os nosos ríos e montes centos de millóns  de euros e pagado unha mínima parte en impostos.

 

Mais algo si variou: O Tribunal Supremo avalou este verán o dereito das eléctricas a recuperar o pagado en impostos autonómicos e a inicios de outubro exixiu ao Goberno que suba a luz en Galiza antes de que finalice novembro para satisfacer eses cartos que deben compensar estas empresas. Son case 37 millóns de euros no noso país, o que implica que de media cada galega e galego deberá pagar 16 euros, o que fai do noso recibo o máis caro do Estado.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]