A CONSELLARíA DE EDUCACIóN DEIXA SEN EFECTO CIRCULAR 14/2014

"O profesorado pode facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais"

CIG sinala que a decisión é o resultado da campaña desenvolvida pola organización sindical nos centros.

A Valedora do Pobo comunicou á Confederación Intersindical Galega (CIG) a resposta remitida pola Consellaría de Educación a respeito da Circular 14/2014 relativa ao uso formativo de recursos audiovisuais nos centros de ensino. 

Educación deixa sen efecto a circular remita aos centros e afirma non ter asinado "ningún tipo de contrato" coa empresa transnacional MPLC

Neste senso, desde a Xunta aseguran que non existe ningún límite a este uso, para alén do fixado pola lexislación vixente (Decreto 1/1996) e que polo tanto "non se impón ningunha obriga a través da circular". Desta maneira, Educación deixa sen efecto a circular remita aos centros e afirma non ter asinado "ningún tipo de contrato" coa empresa transnacional MPLC a respeito do escrito remitido pola empresa en relación co prezo que deberían pagar pola emisión de materiais audiovisuais con fins educativos. "A Consellaría non ten habilitación legal para impedirlle a unha empresa privada que se comunique cos centros", afirman. Porén, acrecentan, "transmite o seu total desacordo coa demanda da empresa, expresada nos seguintes termos: “se no seu centro non se están usando materiais audiovisuais, rogámoslle que igualmente o comunique”, pois a oferta dun servizo non ten que levar parello xustificar a non contratación do mesmo". 

Educación "transmite o seu total desacordo coa demanda da empresa" MPLC

Destarte, subliñan que “o profesorado continúa a pode facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais” exactamente nas mesmas condicións que antes de que a Consellaría emitise a dita circular, é dicir, dentro do respecto ao marco legal vixente, que a xuízo da Consellaría é perfectamente compatíbel cun ensino público de calidade en todos os centros". 

Segundo a CIG-Ensino a decisión da Xunta que deixa sen efecto a circular é o resultado da campaña desenvolvida pola organización sindical nos centros de ensino através da recollida de 4 mil sinaturas e de mobilizacións para amosar o rexeitamento do persoal educativo.