Activistas que ocuparon a concellaría da Coruña, denunciad@s por desobediencia á autoridade

A policía tamén @s responsabiliza dos delitos de desordes e permanencia en espazo público fóra do horario. Reclamaban unha reunión co titular de Servizos Sociais para negociar unha vivenda para Aurelia, que ten até o 1 de maio para abandonar o inmoble de Padre Feijóo, en virtude do acordo coa familia Pereira


Entraron nas dependencias da concellaría de Servizos Sociais da Coruña para pedir unha reunión co seu titular, Miguel Lorenzo, en que explicarlle a situación actual de Aurelia Rey. E saíron con tres denuncian enriba: desordes, desobediencia á autoridade e ocupación dun lugar público fóra de horario.

Por volta de sete horas durou o seu peche, iniciado no momento en que souberon que nin Lorenzo nin o director técnico de Servizos Sociais, o ex delegado territorial de Intermon-Oxfam Xosé Luís Quintela tiñan a ben recibil@s. 



"Pedimos a demisión do concelleiro, do alcalde e de toda a equipa de Goberno porque isto é unha vergoña", sinala un activista de Stop-desafiuzamentos A Coruña rexeitando as "largas" que ao longo da mañá foi dando o titular de Servizos Sociais informando de que ora non estaba nas dependencias municipais ora non tiña canda si a axenda e non podía marcar unha data para a xuntanza, tal e como Lorenzo llo fixo saber á concelleira do BNG María Xosé Bravo, con quen se comunicou por mensaxe de móbil.

Coa ameaza dunha carga policial desde o mediodía, cando varias grilleiras de antidisturbios se desprazaron até o número 64-66 da rúa Fernández Latorre, onde se atopan as oficinas de Servizos Sociais, @s activistas ficaron pechad@s até as 17h, unha vez que o persoal funcionario do Concello abandonara xa o edificio.

Finalmente a intervención dos antidisturbios non se produciu, mais @s activistas decidiron baixar á rúa porque "ninguén os atendía, estaban sen comer e non podían nin ir ao baño", pois a entrada aos aseos foilles vetada. A única solución que lles deron foi encher un formulario para solicitar por escrito e vía rexistro a reunión con Lorenzo. Na ocupación da concellaría estiveron presentes, para alén de Bravo, @s concelleir@s do BNG Avia Beira e Xosé Manuel Carril e o seu homólogo en EU César Santiso, quen abandonou o edificio ao mediodía "acatando a orde da policía". Fóra da concellaría, unha concentración de apoio @s compañeir@s pechad@s mantivo a presión na rúa. 

Indemnización de 5.000 euros e dous meses de tempo para Aurelia 

As protestas chegaron tras o acordo "acordo amigábel e confidencial" ao que chegaron a inquilina Aurelia Rey e a familia Pereira, propietaria da casa en que leva vivindo os últimos 34 anos e da cal querían botala pola forza.

Malia que os detalles apalabrados Sermos Galiza puido saber que @s Pereira terán que indemnizar Aurelia con 5 mil euros e, pola súa banda, a octoxenaria terá de prazo até o 1 de maio para abandonar a vivenda en que morou os últimos 34 anos. "Non haberá despexo forzoso" informou o avogado de Aurelia, Antonio Vázquez, nunha rolda de imprensa realizada diante do portal nº9 da céntrica rúa coruñesa Padre Feijóo, onde mora aínda a octoxenaria.

"Chegouse a unha solución pactada cuxos termos preferimos manter na confidencialidade mais que paraliza unha sentencia firme en proceso de execución, o que supón un fito moi importante na loita contra unha lei inxusta", subliñou Vázquez, quen enfatizou, así mesmo, que é esta a primeira vez en que se logra paralizar a execución xudicial dun desafiuzamento forzoso cunha sentenza firme de por medio e após dúas tentativas de lanzamento.

"Trátase dunha saída que non é a perfecta, pero que logra por vez primeira evitar un desaloxo forzoso. Agora faremos un seguimentos para ver se hai axuda por parte do concello", acrecentou o letrado de Aurelia namentres ela "descansa logo duns días moi tensos".

Stop-desafiuzamentos cualifica de "fito" a paralización do despexo

Perante os medios compareceu tamén o integrante de Stop-desafiuzamentos Héctor Tejón quen, moi emocionado, agradeceu a "veciñanza, comerciantes, medios, bombeiros e activistas que fixeron isto posíbel". Entre bágoas, remarcou que "seguiremos na loita para non permitir nin un abuso máis". A súa rápida intervención rematou con berros de 'Si se pode'.

Malia non debullaren os termos do acordo asinado entre inquilina e propietaria, este non incluiría unha vivenda. Con todo, Stop-desafiuzamentos anunciou a súa intención de solicitar para a coruñesa unha vivenda social por parte do Concello, e fixérono inmediatamente.

Tan pronto concluíu a rolda de imprensa na que comunicaron a fin da súa mobilización diante da casa de Aurelia, transladaron esta cara ás dependencias da concellaría de Servizos Sociais.

Unhas 30 persoas lograron entrar na concellaría antes de seren informadas de que o seu titular, Miguel Lorenzo, non podería recibil@s hoxe, polo que decidiron ficar no interior até seren ouvidas as súas reclamacións, quer polo director técnico de Servizos sociais quer polo concelleiro, ou até que o Concello non estableza "unha data en firme" para unha reunión entre a concellaría e dúas persoas representantes de Stop-desafiuzamentos.

Ao lles preguntar a est@s últim@s polos termos do acordo alcanzado coa familia Pereira, membr@s da plataforma cidadá recalcaron que, malia non seren públicos os detalles, "se estamos aquí é porque Aurelia necesita axuda".


NOTA: Imaxes de Óscar Paris