Á procura dunha carreira profesional

Investigadoras galegas inician a creación dun espazo aberto colectivo por unha carreira profesional estábel (Asemblea de Investigadoras de Compostela).
As investigadoras da Galiza buscan impulsar un movemento colectivo, plural e transversal que alente as universidades e a Administración galega a investir en ciencia de forma máis eficaz.

O nacemento, hai case tres anos, da Asemblea de Investigadoras de Compostela motivou o "espertar" de moitas colegas predoutorais e posdoutorais, do persoal investigador contratado, e do persoal de apoio á investigación, que dependen das convocatorias públicas para levar a cabo a súa actividade. "Por primeira vez, empezamos a ser conscientes das circunstancias nas que traballamos", explica a Nós Diario David Mosquera, investigador predoutoral de terceiro ano na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

No ámbito da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo déronse movementos ocasionais que agora buscan fomentar. "Queremos ir da man e ser máis fortes agora que o Sistema Universitario da Galiza se vai sentar a renegociar coa Xunta o seu plan de financiamento, e queremos ser interlocutoras directas, coas universidades e coa Administración", advirte Zulema Varela, investigadora no ámbito da ecoloxía na Facultade de Bioloxía da USC e membro do Colectivo de Investigadoras Posdoutorais.

Coinciden á hora de sinalar as carencias e as urxencias da carreira investigadora na Galiza. "De entrada, non existe", asegura Beatriz Álvarez, que acaba de iniciar o seu segundo ano como investigadora predoutoral na área de álxebra, tamén en Matemáticas. "Sen investimento nin carreira profesional é imposíbel que o sistema garanta continuidade. Sufrimos unha inestabilidade moi alta e cada ano quedamos a expensas dun calendario de convocatorias cambiante que non nos asegura, sequera, unha investigación pagada".

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.