''O proceso de reforma do aborto pasa por obrigarnos a esquecer o que xa fora conseguido"

CC SA-BY Galiza Ano Cero

Entrevistamos a avogada Yolanda Ferreiro para avaliarmos canda ela a contrarreforma da Lei de saúde sexual e reprodutiva de 2010 desde unha perspectiva xurídica.

 

Yolanda Ferreiro Novo é avogada e integrante do Observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca.

Canda ela repasamos a lexislación vixente a día de hoxe a respeito dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como as mudanzas que o titular español de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, pretende impoñer cunha norma cuxo anteproxecto foi aprobado en decembro de 2013 polo Consello de ministr@s e cuxo nome é xa toda unha declaración de intencións: Lei Orgánica de protección da vida do concebido e dereitos da muller grávida.

Falamos do aborto como dereito mais tal condición fica aínda no caixón das reivindicacións. En que situación nos atopamos a día de hoxe?

No día de hoxe, vixente a Lei de saude sexual e reproductiva aprobada no ano 2010, a posibilidade para as mulleres accederen ao aborto non depende de supostos, como na lei anterior, senón de prazos. Poderíamos dicir entón que o aborto e a maternidade, como decisión libre e informada, son libres.

O aborto é libre até as 14 semanas, alongándose este prazo de maneira excepcional até a semana 22 en caso dun embarazo con malformacións fetais graves ou risco para a vida ou saúde da muller. Neste caso, será un cómite clínico quen autorizará a interrupción, un comité do cal formarán varios especialistas mais vetado aos profesionais que se declaren obxectores contra o aborto. 

Asimesmo, as mulleres maiores de 16 anos non precisan do consentimento do pai ou/e da nai para abortaren. Esta lei inclúe tamén a obriga dos poderes públicos de promoveren o acceso universal a información e educación sexual, aos programas de saude reproductiva e aos métodos anticonceptivos. No concreto, o texto legal fai referencia ás medidas sanitarias e educativas, incluíndo a formacion dos profesionais da saúde.

Sostén vostede que a contrarreforma do aborto, e tamén a de seguridade cidadá, son un globo-sonda. Por que? 

Non tanto que sexan un globo-sonda, como que o proceso da posíbel aprobación destas e doutras normas faise utilizando ese mecanismo. É decir, no exemplo da modificación destas dúas leis de importante influencia na liberdade das persoas, o Goberno español empregou o mesmo procedemento. 

En primeiro lugar, faise o anuncio dunha reforma, como no caso da lei do aborto, en que o retroceso canto á situación actual era dificilmente imaxinábel. Despois, no tempo que falta até a aprobación da lei, múdase de maneira totalmente premeditada o propio texto que o Goberno achegou inicialmente e nesa mudanza perdemos dereitos sen nos decatarmos.

Explícome cun exemplo: a rebaixa escandalosa que se fixo das multas previstas na lei de seguranza cidadá ou, no caso da lei do aborto, os xa anunciados estudos sobre a abertura dalgún dos supostos cando, non esquezamos, na lei actual os supostos foran todos superados para implementar unha norma de prazos que non esixía a xustificación moral da necesidade do aborto. 

Sen posibilidade de consultar o texto do anteproxecto, é máis que probábel que o retroceso lexislativo non nos levará até os anos 60, como foi anunciado. Quizais só até 1985. Deberiamos celebrar tal cousa coma unha vitoria das mulleres que queremos decidir sobre os nosos corpos?

Iso é exactamente o que quería explicar na resposta anterior. Eis o perverso do proceso da reforma: convencernos de que calquera das melloras sobre a mesma foi grazas á forza social e política; obrigarnos a esquecer o que xa fora conseguido e que se perde bendecido. Por que digo isto? Porque estamos a deixar forzas esixindo que se inclúa o suposto da malformación do feto e esquecemos o noso obxectivo antes deste anteproxecto: conseguir que o aborto fose un dereito garantido no sistema sanitario público a todas as mulleres. Por iso eu sempre insisto en que non deberiamos utilizar os argumentos xustificativos da propia reforma como nosos para atacala.

E deberiamos celebrar a inimputabilidade das mulleres? 

Quizais sexa esaxerado falar de inimputabilidade. Quizais unicamente queiran que sigamos a manter a minoría de idade, a situación en que, lonxe de poder ser quen de decidir por nós propias, seguimos a precisar da patria potestade do poder lexislativo e executivo. 

É esta minoría de idade a que deriva na irresponsabilidade, na falta de poder imputar as consecuencias da decisión a muller que a adopta. E por iso, máis unha vez, o Estado procura prohibirnos a posibilidade de decidir 'para nos defender', pois é claro que dubida da nosa capacidade incluso para decidir o que é bo para nós. 

A día de hoxe na Galiza, coa lexislación vixente, abortar na sanidade pública só é posíbel en moi poucos hospitais e non en todos os supostos. É ética a obxección de conciencia?

Non debemos entrar a valorar a ética dos profesionais que se declaran obxetores de conciencia canto á práctica do aborto. Penso que o que debemos facer é exixir que o dereito o aborto sexa posíbel para calquera muller no servizo público de sanidade.

É factíbel unha lei de prazos ligada a que un xuíz autorice as IVE cando @s profesionais da xustiza están a denunciar un colapso?

A posibilidade de xudicializar as IVE só é un exemplo mais de cortina de fume. Nin sequera o propio ministro de Xustiza pode crer en semellante disparate. Máis unha vez, coa pretendida intención perversa de nos confundiren, introdúcese a posibilidade de acudir á tutela xudicial como se fose suficiente para garantir as posibilidades daquelas mulleres que deciden abortar.

O que se procura é dar un verniz de interesada preocupación mais, como poden os tribunais de xustiza dar acubillo ao exercicio dun dereito? Só expropiando ese dereito pode xustificarse despois o 'caramelo' daqueles supostos excepcionais en que o xuíz veña a suprir a prohibición.