Procesados na 'Operación Jaro' explican en Ferrol o estado do proceso contra Causa Galiza

[Imaxe: Ceivar] Detidos na operación Jaro

A palestra decorrerá este sabado ás 12:00 horas no Ateneo ferrolán.

'Operación Jaro: o Estado español contra o independentismo galego' é o título da palestra que este sábado decorrerá no Ateneo ferrolán, Ferrol, a partir das 12:00 horas e na que tomarán parte procesados no operativo ordenado pola Audiencia Nacional. A 'Operación Jaro' realizouse o 30 de outubro e implicou a detención da dirección nacional de Causa Galiza e a suspensión de actividades da organización.

A Audiencia Nacional acordou en febreiro manter a suspensión de actividades de Causa Galiza, xustificando o xuíz Eloy Velasco a decisión en argumentos como, di textualmente no auto, “a protección de futuras vítimas” ou “conxurar a defensa social na evitación da continuidade delictiva”. Velasco adoptou esa a medida após a comparecencia do Ministerio fiscal e defensa da organización independentista, comparecencia obrigada após a sala do penal anular a suspensión de CG decretada en novembro polo xuíz por vulnerar dereitos no procedemento.