Os incendios forestais da primavera deixan máis de 700 hectáreas queimadas

(Foto: Europa Press)
O uso do lume ligado ao pastoreo marca o inicio da precampaña e dá conta dun problema pendente de solución que se repite sistematicamente todos os anos.

Co tempo seco e a suba das temperaturas os incendios forestais volveron estenderse por todo o territorio. En poucas horas, no inicio do mes de abril arderon máis de 300 hectáreas que ascenden até as 751 se atendemos ao reconto de Medio Rural desde a entrada da primavera. "Son os lumes de sempre, provocados pola man do home", sinala Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. "Repítense cada ano nas mesmas zonas. E son obra das mesmas persoas, que aproveitan, tamén, as mesmas condicións meteorolóxicas: un período de sequidade ambiental, estábel e con vento sostido do nordés, que facilita a propagación do lume".

Como sobre a meteoroloxía non se pode actuar, di, "hai que actuar sobre as persoas" co fin de mudar unha práctica que se repite de forma sistemática. "Como? Facilitando alternativas ao uso do lume, desincentivando o uso do lume como ferramenta agrogandeira e apostando por un modelo de desenvolvemento rural que manteña a xente nese contorno sen necesidade de botar man do lume". 

Serafín González avoga por "atacar o problema de raíz" e concienciar a veciñanza amosándolles as repercusións negativas que teñen os incendios sobre o medio natural e sobre os seus propios recursos. Un labor que desenvolve de forma incipiente o equipo de prevención da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais de Laza, á que pertence Daniel Fernández.

Diálogo e prevención

Até que comece a campaña no mes de xuño, encárgase de labores preventivos a canda outros compañeiros. "Facemos rozas perimetrais e faixas cortalumes arredor dos núcleos de poboación". No verán  sumarase ao grupo de extinción que estes días participou xa na desactivación de varios incendios. "Os lumes de inverno adoitan producirse en zonas rurais onde hai bastante gando e botan man do lume para a rexeneración do pasto. Pero como todo está abandonado, esa queima acaba afectando ás masas forestais e temos que intervir".

O brigadista fai fincapé nun hábito de vello que derivou nun grave problema para o medio natural. A solución pasa por dotar a xente do rural de "axudas e alternativas" para conseguir o mesmo pero por outros medios, incide o presidente da SGHN, "como rozas selectivas ou medidas de xestión silvopastorais".

Con este propósito traballa o Eprif, o equipo de prevención da Brif de Laza. "Contacta cos gandeiros daquelas zonas cunha alta actividade incendiaria e falan con eles. Buscan conciencialos e estudar actuacións conxuntas que non supoñan outro lume descontrolado", explica Fernández.

O diálogo con gandeiros, pastores e cazadores tamén forma parte da solución que propón o enxeñeiro técnico industrial e profesor Alberte Blanco, director xeral de Montes co bipartito na Xunta. "O problema da política de incendios da Galiza radica no tipo de operativo que se ten e no tipo de cultivo forestal, dominado por especies de alta combustibilidade". Con todo, engade, o problema é múltiple e complexo e "require unha forte interlocución con todos os axentes que están actuando sobre o medio". A maiores, defende un operativo mellor dotado, máis profesional e con capacidade para unha alerta rápida máis eficaz, o que exixe maior e mellor vixilancia, di.

O incendio de Folgoso do Courel, o que calcinou máis terreo

O día que entrou a primavera, o pasado 20 de marzo, a Xunta informou dun incendio na parroquia de Figueiras, en Compostela, que consumiu 40 hectáreas. Desde entón, en todo o territorio declaráronse outros 13 lumes forestais. Na Agolada, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Viana do Bolo, Monforte de Lemos, Calvos de Randín, Cerdedo-Cotobade, Rodeiro, Ortigueira, Lobeira e Navia de Suarna.

En Calvos e Folgoso, o lume recuncou, con dous focos activos en zonas e días distintos. No primeiro caso arrasou perto dunha hectárea dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. En Folgoso, dous incendios en Seoane e Meiraos queimaron 330 hectáreas. Foi, até o momento, o máis agresivo da pretemporada a canda o declarado en Rodeiro, que consumiu 126 hectáreas. Até onte, quinta feira 8 de abril, arderan xa 751 hectáreas no que vai de primavera.