JOSé MANUEL SUáREZ, PEDAGOGO

"O problema do sistema educativo é que a escola non se adapta ao alumnado"

José Manuel Suáres [Imaxe cedida]

Desde a Asociación de Pedagoxía de Galiza (APEGA) aseguran que "non ten ningunha entidade" o desenvolvemento de probas avaliativas no ensino primario e sinalan a "metodoloxía" de ensino como unha razón fundamental do fracaso escolar.

 

José Manuel Suárez Sandomingo é pedagogo e integrante de APEGA. Con el avaliamos o sistema educativo galego e a implementación de novos controis do alumnado impostos coa entrada en vigor da LOMCE. 

Como valoran desde APEGA as probas de avaliación entre o alumnado de Primaria?
É unha irregularidade manifesta. Para comezar por chamarlle reválida cando este termo foi tradicionalmente empregado para nomear as probas ao final de ciclo para acreditar o paso dos cursos. A pregunta é por que se fai agora? Existen profesores, titores e educadores acaron dos estudantes que coñecen o seu progreso. Este tipo de probas o único que fai é xerarlles estrés aos alumnos pois non saben para que serve. Non ten ningunha entidade facela. 

Desde o goberno insisten en que o obxectivo é procurar a igualdade de oportunidades e homoxeneizar as ensinanzas recibidas minimizando as diferenzas entre centros e profesionais...
Todo palabrería barata e groseira. Até agora non se definiron os criterios que empregarán para implementar estas probas, que se pretende con elas nen para que se fan. Din que van ser segredas e que dará recursos ás familias para coñecer o avanzo dos seus fillos mais para iso hai profesores. Non entra na cabeza de ninguén esta avaliación externa cando se están a recortar os recursos, atopámonos aulas masificadas, estanse a dar materias sen métodoloxía e sen experiencia por parte do profesorado. 

"Non entra na cabeza de ninguén esta avaliación externa cando se están a recortar os recursos"

Como afecta á formación do estudantado?
Sen saber que recursos se van implementar non sabemos. A nivel de alumnado estáselle a exixir un control sobre algo que descoñece e iso, como dicía, xéralle estrés. 

É unha cuestión de modelo?
A nivel de aprendizaxe non vai servir pois na actualidade xa se fan probas sobre o temario e tamén de carácter trimestral, incluída unha recuperación. A nivel de coñecemento memorístico está todo controlado. O que falta é a aprendizaxe de cooperación, de habilidades especiais. 

E o estudantado con necesidades específicas?
Aféctalles de maneira dupla porque non teñen profesorado específico, en moitos casos, por mor dos recortes e, doutra banda, non sabemos como se vai avaliar as súas necesidades através de controis memorísticos. 

"O fracaso escolar non vén definido por este tipo de probas, nen tampouco polo alumno que suspende porque non se avalía o profesorado, nen os recursos familiares"

Os dados sinalan que Galiza posúe índices de fracaso escolar dúas veces maiores á media europea...
O fracaso escolar non vén definido por este tipo de probas, nen tampouco polo alumno que suspende porque non se avalía o profesorado, nen os recursos familiares ou a complementariedade de actividades extraescolares. Asemade, a metodoloxía que se emprega en Primaria non serve para todos os rapaces. Non é un fracaso do alumno senón do método. En Europa estase a desenvolver o que definen como 'intelixencias múltiples'. É dicir, mecánica, artística... Aquí, en troca, púlase pola aprendizaxe memorística e só con controis, o que fai que moitos fracasen. Este é o problema do sistema. Que a escola non se adapta ao alumnado. 

Países como Finlandia camiñan cara á supresión dos exames... 
Temos un problema metodolóxico, dunha banda, mais tamén dun sistema educativo pensado en ramificacións a partir dos 12 anos, momento no que os rapaces inician a adolescencia. A nivel escolar isto tamén inflúe pois hai quen madura, hai quen non o fai tanto e outras persoas que non maduran cara á abstración intelectual. Nesa etapa hai que camiñar cara á outro modelo non baseado na aprendizaxe memorística senón cara á outras metodoloxías e contidos alternativos. É o que procura PISA. A aplicación de contidos cara á resolución de problemas cotiás. O problema no Estado español é que se traslada o problema á política educativa, a nivel ideolóxico. As leis de educación están pensadas en base á cor de cada goberno e non en virtude das necesidades do alumnado.