A Xunta promove entre persoal dos centros de ensino probas serolóxicas menos fiábeis que as PCR

Realización de test serolóxico. / Eduardo Sanz E.P.
O inminente comezo do curso escolar levou á Consellaría de Educación a por en marcha na última semana de agosto a realización de test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos públicos.

A medida, anunciada na web da Consellaría a mediados de xullo, motivou a denuncia da Confederación Intersindical Galega, CIG, que comenta entre outros aspectos que o profesorado non coñece “que tipo de proba se lle vai facer, se é posíbel mudar o día ou a hora da cita ou se é ou non voluntaria”.

O sindicato tamén denuncia que o Sergas está a sobrecargar máis a atención primaria ao obrigala a facerlle os tests do virus ao profesorado e co resto de persoal dos centros escolares. Lucía Peón, secretaria comarcal da CIG-Saúde da Coruña, comenta que se trata "dunha actuación inútil" xa que pola súa baixa fiabilidade “non valen para tomar decisións e se sae positivo, haberá que facer outras probas para confirmalo".

Os tres tipos de proba

Para a detección da Covid-19 estanse a por en práctica 3 tipos de test con grandes diferenzas en canto á fiabilidade dos seus resultados.

Desde as institucións sanitarias destácase a fiabilidade das probas PCR, que consisten na toma dunha mostra nasofarínxea a través da cal o test localiza no RNA a presenza ou ausencia de moléculas de determinados fragmentos do virus. Trátase do exame con maior sensibilidade de especificidade.

As probas serolóxicas, rápidas e baratas, consisten na extracción dunha mostra de sangue coa que se detectan anticorpos xerados pola resposta inmunolóxica do organismo. É unha proba menos fiábel porque non detecta o virus, senón unicamente o feito de telo padecido ou non.

Tamén é unha proba serolóxica o chamado test Elisa, cun nivel de acerto maior que os tests antes mencionados. Trátase dunha proba que permite a detección de anticorpos tipo IgG e IgM, marcadores que indican que a infección é recente, xa que duran pouco tempo no corpo. Detéctase o 90% dos casos entre os días 4 e 7 da enfermidade e seguen en aumento até os 14 días, a partir de aí a súa presenza comeza a diminuír.

Os test rápidos realízanse a través dunha mostra de mucosa que si permite identificar a proteína do virus. Son unhas probas máis baratas pero non fiábeis e, por iso, no caso de atopar un positivo debe repetirse a proba ou realizar unha PCR.