A historia da enseña nacional, entre a reivindicación e a ilegalización

En pro da bandeira galega

O 12 de decembro de 1930 El Pueblo Gallego publicou un texto asinado por Álvaro de las Casas e titulado “En pro de la bandera gallega”. Levaba como antetítulo “Hacia otra Galicia”. O texto anima os concellos a usaren a bandeira logo de un decreto do xeneral Berenguer restablecer o uso das bandeiras “rexionais” prohibidas durante o mandato de Primo de Rivera.

O 12 de decembro de 1930 El Pueblo Gallego publicou un texto asinado por Álvaro de las Casas e titulado “En pro de la bandera gallega”. Levaba como antetítulo “Hacia otra Galicia”. O texto anima os concellos a usaren a bandeira logo de un decreto do xeneral Berenguer restablecer o uso das bandeiras “rexionais” prohibidas durante o mandato de Primo de Rivera.

 

O texto de Álvaro das Casas chama a atención sobre o pouco uso que está a ter a bandeira a pesar de que, aos poucos días do decreto, a Galiza que “ansiaba a ocasión de dar ao vento a súa enseña azul e branca axitada ardorosamente nos días máis espléndidos do seu resurxir, izou en multitude de Concellos, todas as Deputacións e grande número de centros oficiais a bandeira”.

 

Raro, moi raro, era o día en que a prensa non sinalaba a solemne aparición de algunha bandeira.

 

Mais estraña o autor que nos derradeiros catro meses “nen un só concello se sumou á iniciativa”.

 

Non hai escusa para non o facer e por iso é que fai un chamamento aos alcaldes remisos para que poidan gozar da honra de izar coas súas propias mans a “máis clara representación da terra” porque a bandeira “acubilla as nosas mellores lembranzas e nela aniñan as nosas máis claras esperanzas”

 

Divulgación e facilidades de acceso á bandeira

 

O uso público da bandeira sofreu altos e baixos desde que, posibelmente por vez primeira, se usou no traslado dos restos de Rosalía desde a Adina a Bonaval (como deu conta Sermos Galiza a sexta feira 26 de maio). Iso foi en 1891. Lembremos que en xuño de 1898 La Gaceta de Galicia, diario compostelán, publica unha sorte de manifesto reproducido días despois por El Áncora, diario católico de Pontevedra (30 de xuño); El Lucense, diario católico (1 de xullo); La idea Moderna, diario democrático de Lugo (2 de xullo). A referencia de Revista Gallega, rotativo da Coruñachegou a 3 de xullo. Esta secuencia cronóloxica, completada despois en 10 de setembro por El Eco de Galicia de Buenos Aires, non parece ser casual e si máis ben dar resposta ao que no propio texto orixinal se solicita: “Y no solamente llamamos la atención de la prensa de Galicia ... sinó del comercio para que encargando a las fábricas una tela barata y sencilla con la combinación de colores antedicha, pueda estenderse nuestra bandera por todos los pueblos”.

 

Nos anos seguintes ao escrito publicado en El Pueblo Gallego por Álvaro das Casas non se incrementou a visibilidade da bandeiras. Mesmo comezou a se asociar o uso da bandeira azul e branca co nacionalismo e co separatismo. En sentido pexorativo, claro. Académicos houbo que cuestionaron a bandeira azul e branca pondo de exemplo para non a usar as batallas de Clavijo e a das Navas de Tolosa.

 

No contexto político e social dos anos 30, un acontecemento disparou de novo as armas da polémica: foi a autorización do Goberno para que no buque Ártabro, un moderno oceanográfico para a exploración do Amazonas baixo o mando do capitán Iglesias, natural de Ferrol e famoso aviador na altura, ondease a bandeira galega, naturalmente ao lado da española. Estamos a falar de 1935. 

 

“El Ártabro, emisario de la España renaciente, llevará en sus mástiles la bandera de Galicia”. O intento de borrar do mapa a bandeira azul e branca, sinalada como símbolo do separatismo e o independentismo, procurou informes por toda a parte para se dirixir ao goberno para que mudase aquela situación colocando no barco a que segundo eles era a auténtica bandeira de Galiza: “La verdadera insignia gallega debe ser completamente blanca con un escudo en el centro ostentando el caliz y la hostia sobre campo azul celeste”. A outra corresponde “aos nacionalistas e a aqueles que na Coruña o 6 de outubro berraron: Viva Galiza libre e independente”

 

A campaña pola bandeira branca xa a iniciara en 1930, o mesmo ano en que escribe Álvaro das Casas, Couceiro Freijomil. Seguiu con ela Vaamonde Lores, a Academia Española da Historia e outras entidades.

 

Mais todos os informes foron innecesarios. A expedición ía iniciarse desde o porto de Ferrol a 12 de outubro de 1935 para se desenvolver durante algo máis de tres anos nunha inmensa extensión situada entre a cordilleira andina e o río Negro, mais despois de continuos aprazamentos por problemas administrativos e económicos, en marzo de 1936 o goberno decidiu a suspensión definitiva da expedición e a sublevación fascista, coa que se aliñou o propio Iglesias, baixou definitivamente dos mastros do Ártabro a posibilidade de ondear ao vento a bandeira branca coa faixa azul.

 

E non só dos mastros do Ártabro