Análise

A privatización da intelixencia e da planificación da sanidade

A sanidade galega estase a transformar nun sistema baseado no negocio privado con diñeiro público. (Ilustración: Álex Rozados)
Manuel Martín García, médico de Familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, suma unha nova análise ao ciclo que abriu Nós Diario nos últimos meses.

Un dos capítulos máis transcendentes da privatización da Sanidade Pública Galega é a parte non asistencial do sistema. A importancia desta privatización radica en que afecta ao corazón e ao cerebro do Sistema Sanitario Público, o que limita gravemente a capacidade de planificación e control do mesmo pola administración.

Esta privatización fundaméntase en tres piares que teñen que ver coa ideoloxía neoliberal do PP que goberna a Xunta e de boa parte dos medios que se financian con diñeiro público: a) O privado é máis eficiente que o público; b) A xestión e os recursos públicos son un lastre para o desenvolvemento social; c) As vantaxes para a economía de poñer os recursos sanitarios públicos ao servizo do desenvolvemento empresarial mediante a colaboración público privada.

Núñez Feijóo, fiel servidor desta ideoloxía, baseou a súa política sanitaria en poñer o sistema de saúde galego ao servizo dos fondos de investimento, da industria farmacéutica e das grandes multinacionais que dominan o mundo. Esta estratexia está destinada tamén a eliminar as cautelas que a función pública mantivo durante anos e que obrigaban a que os concursos de adxudicación e compra de equipamento se ativesen aos principios de transparencia, eficiencia e libre concorrencia para evitar favoritismos, corruptelas e malversación de fondos públicos. Entre os grupos de presión privatizadores poderiamos destacar:

—O Club Gertech, integrado por universidades, centros de investigación, empresas de informática, laboratorios farmacéuticos, fondos de investimento internacional e empresas de comunicación, desenvolveu unha estratexia destinada a facerse co control do sistema público fragmentándoo e desmantelándoo para poñelo en mans privadas.

—SEDISA, que agrupa os directivos dos hospitais públicos e privados, e cuxo obxectivo confeso é incrementar a Colaboración Público Privada (CPP) na sanidade pública galega.

—O Clúster de Saúde de Galicia, organismo asociado aos hospitais privados galegos e á industria alimentaria, cuxa finalidade é poñer a investigación das universidades públicas ao servizo do mercado.

—Fundación Kaertor, constituída pola Universidade de Santiago, a Fundación Xenómica de Galicia, a Fundación Barrié e o laboratorio Astra Zeneca, pretende acelerar a produción de fármacos ensaiados en hospitais públicos.

A pesar de que o Sergas conta con persoal cualificado, a Xunta externalizou e subcontratou co sector privado o sistema de información, a Historia Clínica Electrónica, a Receita Electrónica, a Central de Chamadas e de Comunicación, a planificación de proxectos sanitarios, a subministración dos recursos, a investigación, a formación do persoal e a contratación do persoal sanitario.

A xestión da historia clínica e da receita electrónicas, dos teléfonos informativos e de cita previa mediante "colaboración público privada" con multinacionais e fondos de investimento de fóra permítelles redireccionar o sistema cara aos seus intereses. Grazas a isto, Indra (empresa privatizada por Aznar) ou IBM dispoñen de toda a información sobre a saúde da poboación.

Netaccede é unha das sociedades de capital risco apoiadas pola Xunta para controlar o sistema sanitario público, xestionar e explotar os datos da poboación galega. Unirisco e Uninvest son sociedades de capital risco creadas dentro das universidades públicas galegas, participadas polas caixas de aforro e empresas privadas para controlar o coñecemento e a investigación sanitaria pública.

A innovación, investigación e coñecemento están en mans da Axencia ACIS, de xestión privada con personalidade xurídica propia. Controla a formación dos profesionais, infla e desinflama currículos, inflúe na adxudicación de prazas e postos de responsabilidade do Sergas, ademais de avaliar as novas tecnoloxías, probas e cribados que se implantan na sanidade galega.

As Fundacións Biomédicas creadas nos hospitais públicos, con participación privada, teñen encomendada a xestión integral da investigación e innovación. Mediante a Compra Pública Innovadora, o Sergas merca á industria futuras innovacións financiadas con diñeiro público pero cuxas patentes quedan as empresas privadas.

A área do corazón do hospital de Santiago atópase coxestionada por Medtronic, a maior multinacional tecnolóxica americana de dispositivos médicos que investiga e experimenta os seus aparellos nos hospitais públicos da Coruña, Lugo e Ourense, que poñen á súa disposición recursos, persoal e equipamento

O Centro Oncolóxico de Galicia está xestionado pola Asociación Española Contra o Cancro, de titularidade privada a pesar de que edificio, profesionais, equipamento e tratamentos son financiados con diñeiro público.

En resumo, a infiltración na Consellaría de Sanidade e no Sergas de multinacionais foráneas está a converter a Sanidade Pública Galega nun sistema baseado no negocio privado con diñeiro público e centrado esencialmente na realización de probas diagnosticas de elevado custo, no uso intensivo de recursos tecnolóxicos avanzados e o abuso de fármacos, en detrimento de actividades de promoción, prevención, rehabilitación e o coidado da saúde, o que explica a marxinación da Atención Primaria e a Saúde Pública Galega.