A privada na Galiza segrega coma nunca: Os colexios privados galegos son os máis 'segregadores' do Estado

Alumnas á entrada dun colexio privado nunha imaxe de arquivo. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Case un de cada dez das estudantes dos centros privados españois proceden de familias en condicións socioeconómicas 'menos favorábeis', unha cifra que na Galiza cae a case cero, a máis baixa de todo o Estado. A privada na Galiza é, pois, unha barreira cada vez máis forte contra a igualdade.

As circunstancias socioeconómicas da contorna do alumno ou alumna inflúen nas condicións nas que se desenvolve a aprendizaxe, o ritmo de avanzo nas etapas formativas e nos propios resultados educativos. E estas circunstancias, non é un segredo, difiren entre os centros públicos e privados. Un documento da Fundación BBVA e Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (IVIE) adéntrase e afonda nestas desigualdades e diferenzas, tamén no que respecta á Galiza.

No sistema educativo español os centros públicos forman por volta de 70% do alumnado e os privados -concertados ou non- 30% restante. 

Os centros públicos e privados diferéncianse substancialmente polo perfil socioeconómico medio do seu alumnado. Ao distinguírense tres niveis nas condicións sociais, económicas das familias da estudante (máis favorábel, medio e menos favorábel), pódese apreciar como na Galiza nos centros públicos predomina o alumnado desa ‘contorna media’: 80%, unha porcentaxe que é até 20 puntos superior á media española (60%). 13,96% das e dos estudantes que cursan o ensino público son da ‘contorna menos favorábel’ -no Estado español é 33%- e só 5,6% vén desa procedencia socioeconómica 'máis favorábel'.

A fenda

Como era de esperar, as cousas mudan ao pasar ao ensino privado. Na Galiza 55,15% do alumnado deses centros é de ‘contorna media’ e 44,85% procede da ‘máis favorábel’. A media no Estado español é de 65% de procedencia máis favorecida, 27% desa contorna ‘media’ e 8% da ‘menos favorábel’. 

Así, de cada 100 alumnas e alumnos que no Estado español cursan o ensino privado, oito proceden dun ambiente con circunstancias socioeconómicas ‘menos favorábeis’. 

Na Galiza, porén, e segundo este estudo, esa porcentaxe é 0%. Estatisticamente, na privada galega non hai alumnado procedente da clase baixa. O que contrasta, e moito, con outros territorios onde si o hai, como poden ser Euskadi e Madrid (4%), Catalunya (8%), Asturies (15%) ou Andalucía (29%).

Influencia

“As contornas das alumnas e alumnos son relevantes para os seus resultados formativos (...). Así, a puntuación PISA promedio en ciencias dun alumno que estuda nun centro de contorna máis favorábel supera no Estado español un de menos favorábel en 67 puntos, o que equivale a dous anos de estudo”, indícase no documento. Esa fenda, porén, non é a mesma en todos os territorios e na Galiza está en 50 puntos. 

A puntuación en ciencias do estudantado galego de ambientes socioeconómicos máis difíciles é de 488, as de contornas medias é de 510 e a de procedencia máis favorábel, 535.

Alumnado repetidor

Por outra banda, un dos trazos máis negativos no caso galego e tamén español, é o da elevada porcentaxe de persoas repetidoras. Na Galiza 37% do alumnado dos centros públicos e 22% dos privados tiveron que repetir algún curso na Primaria ou ESO.

A Galiza, dos territorios onde máis inflúe a situación socioeconómica

Favorece o sistema educativo español a igualdade de oportunidades? Esta era a pregunta que fixo a análise de Lucas Gortázar, do Departamento de Educación do Banco Mundial. En que medida as condicións familiares e sociais afectan o percorrer do alumnado no sistema educativo? Gortázar sinala que na Galiza, entre dous alumnos en igualdade en competencias  mais distintos a nivel socioeconómico (un pertencente ao cuartil máis alto e outro ao máis baixo), o de peor situación socioeconómica ten seis veces máis probabilidades de repetir curso que o seu compañeiro 'acomodado'.  No Estado, a probabilidade fica por baixo de seis e nos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) non chega a dous. Só Asturies e Madrid teñen peor rexistro que a Galiza.