Xustiza

16 anos de prisión para un home de 82 anos que violou dúas crianzas en Lugo

Sede da Audiencia Provincial de Lugo. (Foto: Nós Diario)
O condenado, que no momento dos feitos tiña 74 anos e as vítimas 10 e 12, respectivamente, achegouse a elas nun parque infantil.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a 16 anos de cárcere un home de 82 anos que violou e abusou sexualmente de dúas nenas cando tiñan só 10 e 12 anos de idade. Achegárase a elas cando xogaban nun parque da cidade amurallada e a agresión remóntase ao verán de 2015.

A sentenza, difundida esta quinta feira polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, impón unha pena de 12 anos de cárcere polo delito de agresión sexual continuada á maior das irmás, á que suman outros catro anos de cadea por abusar da menor, que tiña 10 anos no momento dos feitos.

O agresor, que daquela tiña 74 anos e que permanece en prisión preventiva, abordou as dúas vítimas, de orixe estranxeira, cando xogaban nas randeeiras dun parque infantil de Lugo.

O condenado "persuadiu" as vítimas con gominolas e comentarios amábeis

Os maxistrados consideran probado que o condenado "persuadiu" as nenas "con comentarios das distintas razas e nacionalidades, os seus costumes e relixións" para convencelas de que o acompañasen ao seu domicilio, despois de comprarlles gominolas.

Unha vez alí, someteu a prácticas sexuais ás nenas que se repetiron nos días posteriores. Segundo o veredicto, chegou a entregarlles 20 euros que as menores deron aos seus pais.

Así pois, o tribunal considera que o procesado aproveitou "a situación de vulnerabilidade da menor" que, ademais, "estaba aínda en proceso de adaptación cultural" tras a súa recente chegada á Galiza.