Prisión sen fianza para o home que acoitelou unha muller en plena rúa en Marín

O home acusado de acoitelar unha muller en Marín (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
Segundo infomaron fontes da Policía Nacional, o detido manifestou aos axentes no momento da detención "que o diaño lle dixera que tiña que matar alguén". O home ten antecedentes psiquiátricos e recibe un tratamento.

O xuíz decretou prisión comunicada e sen fianza para o home de 50 anos que foi detido a pasada segunda feira por asestar varias coiteladas a unha muller na rúa Jaime Janer de Marín. O individuo é investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa.

Este home compareceu sobre as 11.20 horas desta cuarta feira perante o xulgado número 1 de Marín, aínda que a instrución do caso será asumida polo número 2 que é o que estaba de garda cando se produciron os feitos.

Na xornada da terza feira este marinense de 50 anos tamén foi interrogado na Comisaría de Pontevedra, asistido por un avogado.

Segundo infomaron fontes da Policía Nacional, o detido manifestou aos axentes no momento da detención "que o diaño lle dixera que tiña que matar alguén". O home ten antecedentes psiquiátricos e recibe un tratamento.

A vítima

Mentres tanto, evoluciona de forma favorábel a vítima desta agresión unha muller, de 47 anos e veciña da localidade, que está a ser atendida no Hospital Montecelo de Pontevedra onde axentes da Policía Nacional xa puideron tomarlle declaración.

Esta muller publicou varios vídeos na rede social TikTok nos que explica que recibiu "15 puñaladas dunha persoa que non coñecía de nada que supostamente estaba enferma. Teño as costas feitas unha merda e na man, coa que lle quitei o coitelo".

"A ver se me recupero pronto, mándanme para planta e podo facer vídeos máis guais", dicía esta muller nunhas gravacións que foron borradas unhas horas máis tarde.