Prisión provisional para o presunto autor do crime machista de Baiona

Concentración esta cuarta feira en Baiona, en repulsa do asasinato de Estela Blach. (Foto: Nós Diario)
A instrución determinará o delito polo que está a ser investigado: homicidio ou asasinato.

O maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido pola morte da moza de 36 anos Estela Blach, que foi localizada morta na vivenda da súa ex parella na zona das Ínsuas, na parroquia de Belesar, en Baiona (comarca de vigo) na madrugada da pasada sexta feira, 8 de novembro.

Segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o home está investigado por un delito de homicidio/asasinato, a determinar ao longo da instrución, e por un delito de quebrantamento de medida cautelar –ao saltarse unha orde de afastamento en vigor desde abril–.

O home, que foi detido esta quinta feira e foi trasladado minutos despois das 9 horas desta sexta añá á Cidade da Xustiza de Vigo, acolleuse ao seu dereito a non declarar. Humberto G.R. foi arrestado na parroquia onde residía despois de que a súa nai alertase á Garda Civil de onde estaba, debido a que o home "non aguantou a presión" do operativo d busca que mantiñasn as forzas de seguridade. Pasou seis días sen comer escondido nun galpón próximo á vivenda onde ocorreron os feitos.

Feminicidio

Na madrugada da pasada sexta feira, o propio home chamou ao 112 para informar de que atopara Estela, ferida, na porta do seu domicilio e que a meteu na vivenda e a tapou cunha manta.

Con todo, cando chegaron os sanitarios –que só puideron confirmar o falecemento da muller–, o home fuxiu do lugar, alegando que non tiña nada que ver coa morte da moza e que el non ía comerse "ese marrón".

O detido tivera unha relación sentimental coa muller e tiña denuncias previas por violencia de xénero. De feito, o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ditou o pasado mes de abril unha orde de afastamento da vítima, que estaba rexistrada no sistema de seguimento VioXen, cualificada como de "risco medio". Entón iniciouse unha busca que acabou esta quinta feira. O home, foi enviado a prisión provisional tras acollerse ao seu dereito a non declarar.

O de Estela Blach é o cuarto feminicidio rexistrado na Galiza no que fai de ano. Antes foron asasinadas Andrea Yturri, en Palmeira (Ribeira, O Barbanza); Mercedes Ríos, na Coruña, e Fadoua Akkar, en Moaña. No conxunto do Estado son 40 as mulleres vítimas da violencia machista en 2024, 1.284 desde 2003.