Xustiza

Prisión provisional comunicada e sen fianza para o acusado do asasinato machista de Ribeira

O detido polo crime de Palmeira, esta terza feira, nos Xulgados de Ribeira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A xuíza ratifica a atribución cautelar á avoa materna da patria potestade do fillo en común que tiña a parella.

O home acusado de asasinar o pasado 19 de marzo en Palmeira (Ribeira, O Barbanza) a súa ex parella —unha moza de 25 anos— cunha arma branca permanecerá en prisión provisional comunicada e sen fianza á espera de xuízo pola presunta comisión dun delito de homicidio. Así llo notificou esta terza feira a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ribeira, que sinalou tamén o agravante de xénero e de parentesco no crime.

A maxistrada ratificou esta terza, cando o home pasou a disposición xudicial, as medidas adoptadas no auto emitido o pasado 20 de marzo, con atribución cautelar á avoa materna da patria potestade do fillo en común que tiña a parella, suspendendo as visitas e comunicación con el.

O acusado do homicidio, que xa foi confirmado como un delito de violencia machista, o primeiro no que vai de ano na Galiza, tiña denuncias previas dunha relación anterior que figurou no Sistema Viogén, pero que "co paso do tempo quedou anulado", segundo informou recentemente o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco. Porén, non existía ningunha denuncia previa por parte da vítima de Ribeira.

O crime

Os tráxicos feitos producíronse sobre as 17.30 horas do 19 de marzo nunha vivenda de Palmeira. A vítima faleceu a conta das puñaladas que lle propinou cun coitelo, supostamente, a súa ex parella, un home da mesma idade. Os servizos de emerxencias e persoal sanitario nada puideron facer por salvarlle a vida unha vez chegaron ao lugar.

Unha vez consumado o crime, segundo a información transcendida até o momento, o presunto asasino intentou quitarse a vida, polo que tivo que ser hospitalizado, o que derivou no atraso de súa comparecencia nos Xulgados até que recibiu a alta, esta mesma semana, e puido sentar no banco dos acusados fronte á maxistrada.

O movemento feminista non tardou en reaccionar ante este novo feminicidio e nos días seguintes convocáronse concentracións en sinal de repulsa en concellos de todo o país baixo o lema 'Querémonos vivas e libres'.