Prisión sen fianza para os catro independentistas detidos na ‘Operación Lusista’

Esta terza feira compareceron diante do titular do xulgado nº6 da Audiencia Nacional

Manuel García Castellón, xuíz da Audiencia Nacional, decretou esta terza feira a prisión incondicional sen fianza para os catro independentistas detidos esta fin de semana en Vigo e Vilamarín no marco da ‘Operación Lusista’. Así o recollen diversos medios españois citando fontes da Audiencia Nacional.

O titular do Xulgado de Instrución nº6 da AN decretou o seu ingreso en prisión após interrogalos. Unha medida que adopta en base ao presunto delito de pertenza a organización terrorista de Antom García Matos ‘Toninho’ e Asunción Losada camba; e de colaboradoras para Miguel G.N e Joam M. S. Os catro estiveron durante estes días baixo aplicación da coñecida como Lei Antiterrorista,  marco xurídico excepcional que organismos e entidades internacionais denunciaron que vulnera dereitos fundamentais das persoas detidas.