Prisión sen fianza para o autor confeso do triplo asasinato machista de Valga

Imaxe: Tripadvisor

Impútaselle tres delitos de asasinato.

José Luis A. L, o autor confeso do asasinato en Valga da súa exparella, a súa excuñada e a súa exsogra, pasou a media mañá desta terza feira a disposición xudicial, decidindo a titular do Xulgado de Instrución nº2 de Caldas o seu ingreso en prisión, comunicada e sen fianza. A xuíza impútalle tres delitos de asasinato, que poderían implicar a prisión permanente revisábel.

Diante do edificio dos xulgados de Caldas de Reis congregáronse numerosos medios e tamén veciños e veciñas que apuparon ao detido cando entraba no xulgado.

José Luis A. É o suposto autor do asasinato desta segunda feira en Cordeiro, Valga. Os asasinatos teríanse producido a primeira hora da mañá da segunda feira, pouco despois das 8:00 horas, e empregando unha arma de fogo. Non tiña permiso para ter ese tipo de arma e as forzas de seguridade tentan determinar como adqueriu a mesma. A parella tiña dous fillos, menores de idade, que estaban no momento dos asasinatos no vehículo no que a súa nai (Sandra) os ía levar ao colexio. Segundo informou Maica Larriba, subdelegada do goberno en Pontevedra, o presunto asasino disparou primeiro contra a súa exparella e despois contra as outras dúas mulleres cando estas acudían auxiliala. Os nenos teñen 4 e 7 anos de idade. 

Membros dos GEAS da Coruña localizaron na tarde desta segunda feira a arma empregada no triplo homicidio de Valga. Segundo fontes da investigación, o dispositivo de busca atopou un revólver e unha caixa de munición no río Tambre, perto da aldea Ames-Pontenova.