Prisión para o dono do barco do alixo de 1.400 quilos de cocaína no porto de Camelle, en Camariñas

O barco 'Nono Furuno' (Foto: César Arxina / Europa Press).
O rexistro do barco en porto permitiu o comiso de 1.400 quilos de cocaína repartidos en 45 fardos. Alí foi detida unha persoa vinculada á embarcación que ingresou en prisión por orde do xulgado de Corcubión.

O xulgado de instrución número 2 de Corcubión (comarca de Fisterra) decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o patrón dun barco pesqueiro no que foi intervido o pasado mes de agosto un cargamento de 1.400 quilos de cocaína cando se atopaba amarrado no porto de Camelle -Camariñas (Terra de Soneira)-.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o detido acolleuse ao seu dereito a non declarar. Está detido por un delito contra a saúde pública. A decisión do seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza adóptase tendo en conta a gravidade do delito e o risco de fuga.

O arresto do propietario desta embarcación produciuse a quinta feira en Boiro (O Barbanza) por axentes do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) da Policía Nacional en colaboración con Vixilancia Aduaneira, segundo confirmaron fontes próximas ao caso.

A detención do patrón do pesqueiro Novo Furuno, que ten o seu porto base na localidade da Costa da Morte de Camelle, tivo lugar meses despois de que en agosto deste ano se interviñese o buque, supostamente implicado nunha operación de transvasamento de cocaína realizado en alta mar.

O rexistro do barco en porto permitiu o comiso de 1.400 quilos de cocaína repartidos en 45 fardos. Alí foi detida unha persoa vinculada á embarcación que ingresou en prisión por orde do xulgado de Corcubión.

O propietario do 'Novo Furuno' permaneceu buscado até esta semana, cando foi localizado e arrestado no municipio de Boiro, no marxe norte da ría de Arousa.

'Novo Furuno'

O Novo Furuno é un pesqueiro de casco de madeira de 12,6 metros de eslora que ten a súa base en Camelle, en Camariñas, e que foi dado de alta no rexistro do Ministerio de Pesca en xuño de 1997.

Os axentes interceptaron o barco na contorna do porto de Santa Mariña sobre as 20 horas da cuarta feira 8 de agosto. O dispositivo para interceptar o buque, o 'Novo Furuno', contou coa participación do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco), da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional, así como de Vixilancia Aduaneira.