Principia a folga indefinida na Unidade de Coidados Intensivos de adultos do CHUS

Folga e mobilización da UCI do Hospital Clínico de Santiago (Foto: Arxina)

O Sergas fixou uns servizos mínimos de 100%.

“Dignidade, non precariedade”, “Este persoal xa non pode máis” ou “A nosa loita, a túa saúde” foron algúns dos lemas que se mostraron esta segunda feira na concentración de persoal da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, que hoxe principiaba una folga indefinida. Os servizos mínimos decretados polo Sergas foron de 100%.

A folga desenvolverase todas as segundas feiras de 8:00 horas a 8:00 horas da terza. A decisión foi adoptada polo persoal o pasado día 26 de outubro pola imposibilidade de chegar a acordos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza no referido ás medidas de carácter organizativo e preventivas dos profesionais desta unidade e de referencia para enfermos Covid-19.

Acusan a esta xerencia de “insensibilidade” por non ter acometido as reformas comprometidas en xuño deste mesmo ano, que debían estar rematadas xa en setembro, para solventar as deficiencias estruturais desta unidade.

Mais tamén pola falta de medidas organizativas e preventivas, limitando ao mínimo posíbel o número de traballadoras e traballadores e o tempo de exposición, atendendo ao procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-COV3 do Ministerio de Sanidade e o Plan de prevención fronte o risco de exposición laboral no coronavirus do persoal da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

“Esgotamento físico e psíquico”

O persoal prevé un aumento de baixas por IT (incapacidade temporal) e polo esgotamento tanto físico como psíquico que padece. Neste sentido, alertan da falta de condicións de traballo dignas, para non estar a quendas de 7 ou 10 horas diarias sen descanso e mesmo obrigando a dobrar quendas e co mesmo EPI e uniforme.

O persoal da UCI denuncia a falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.