O Príncipe evita a afectad@s polas preferentes e traballador@s do naval na súa visita a Vigo

A súa visita á factoría de PSA-Citroen na cidade olívica foi recibida con protestas. Fronte a fábrica concentrouse a plataforma de afectad@s polas preferentes e militantes da CIG exixindo solucións para o sector naval. Vídeo no interior.

Varias decenas de persoas se concentraron esta mañá nas inmediacións da factoría viguesa de PSA-Citroen, que recibiu a visita do Príncipe de Asturias á factoría. Un forte dispositivo policial impedía que as persoas manifestantes se aproximaran á fábrica, reténdoos a máis de cen metros de distancia, a carón da grada de río do estadio municipal de Balaídos. Axentes da policía nacional puxeron tamén impedimentos para que os actos fosen filmados por un xornalista que acudiu ao lugar para realizar a cobertura informativa. 

Persoas afectadas polas participación preferentes proferiron berros contra a corrupción e exixindo a devolución íntegra dos seus aforros. A plataforma pretendía facerlle entrega in situ dun dossier con documentación que demostraría que foron vítimas dunha estafa, logo de que a Casa Real declinase a súa solicitude de reunión co Príncipe, aproveitando a súa visita á cidade olívica.

Aliás, unha faixa despregada pola CIG reclamaba solucións para o sector naval. O secretario comarcal do sindicato nacionalista,  Serafín Otero, que se concentrou canda un bo número traballadores do sector e delegad@s sindicais, cargaba contra este tipo de actos simbólicos demandando solucións reais. “O Príncipe visitou Citroen pero non pasou por Vigo”, desta maneira Otero denunciaba o feito de que a comitiva oficial evitase acceder nas instalacións da factoría pola súa porta principal para evitaren ver as faixas de protesta. 

Tamén estiveron presentes representantes do Bloque Nacionalista Galego, entre eles o concelleiro Xabier Alonso xunto a outros dirixentes locais e comarcais. No treito final da concentración, aproximáronse á mesma militantes de IU.