O principal foco dos centros de ensino, o colexio Fogar de Carballo, suma xa 28 positivos

(Europa Press) Aula antes do inicio do curso na Covid-19-
Os casos na comunidade educativa baixan a 1.247, co que se estabilizan lixeiramente. O número total de aulas fechadas na Galiza ascende a 74. 

A incidencia da Covid-19 na comunidade educativa galega continúa estabilizada ao baixar en dous, até os 1.247, o número de casos activos entre a sexta feira e o sábado.

Con todo, aumenta a preocupación co CEIP Fogar de Carballo, que se reafirma como centro máis afectado pola pandemia cun total de 28 positivos, dous máis que un día atrás. Tres aulas están en corentena.

O número total na Galiza de aulas fechadas ascende a 74 (unha máis), aínda que a gardaría Golfiños de Lugo se mantén como único centro fechado por completo.

Das sete áreas sanitarias, a de Vigo segue como a máis afectada con 350 casos na comunidade educativa, aínda que baixan en nove con respecto a hai un día. Son 19 as aulas fechadas.

Desta zona, destaca o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago como o segundo principal foco de entre os centros galegos, con 15 casos positivos e oito aulas en corentena.

Despois deste, están os 11 casos do CPR Mendiño e os 10 do CPR O Castro, do CPR San Fernando e o IES Alexandre Bóveda, todos eles na cidade olívica. Fóra dela, o CEIP Plurilingüe As Solainas - Nicolás Gutiérrez Campo da Guarda conta con nove contaxiadas.