Os principais incendios rexistrados na Galiza no que vai de verán suman 2.000 hectáreas calcinadas
O da Caniza apagouse con 295 hectáreas queimadas; mentres que os de Ponteceso e Vilardevós, estabilizados, superan as 1.000.
Os incendios forestais máis significativos rexistrados nos que vai de verán e dos que informou a Consellaría do Medio Rural por distintas canles suman xa unhas 2.000 hectáreas calcinadas. Delas, máis de 1.000 achéganas os lumes rexistrados nas últimas xornadas en Vilardevós (comarca de Verín) e en Ponteceso (Bergantiños).
O de maior entidade, no que respecta a superficie afectada polas chamas, é o de Vilardevós, no que arderon ao redor de 570 hectáreas. Este lume, declarado o sábado no municipio, deuse por estabilizado este domingo ás 22.38 horas. Ademais, desde as 22.15 horas desactivouse a Situación 2 decretada pola súa proximidade a núcleos de poboación.
En paralelo, durante a fin de semana declaráronse varios lumes na localidade de Ponteceso. Os máis significativos foron os de Cospindo, Graña e Brantuas, que suman 470 hectáreas afectadas, de acordo coas últimas estimacións. O tres permanecen tamén estabilizados.
Segue na mesma situación o rexistrado en Rebordechau, en Vilar de Barrio (A Limia), após queimar 20 hectáreas.
Así mesmo, a Consellería do Medio Rural informou de que este domingo se deu por extinguido o incendio forestal que comezou a cuarta feira na localidade da Caniza (A Paradanata). Calcinou 295 hectáreas, das cales 220 corresponden a monte arborado e 75 a raso.
Pero na Galiza rexistráronse outros lumes, algúns significativos por superficie queimada e outros por afectar terreos de especial valor. Por exemplo, tamén esta fin de semana, a Xunta informaba da extinción dun incendio forestal na localidade de Ribeira, parroquia de Olveira, que afectou 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo.
E nos últimos días rexistráronse outros lumes, en Porto do Son (28,3 hectáreas queimadas), Carballeda de Avia (22,59 hectáreas queimadas), Arbo (10,21 hectáreas afectadas), ou Carballedo (16 hectáreas queimadas). En Arbo houbo alerta por proximidade ás vivendas, como en Salvaterra de Miño (Pesqueiras), que quedou extinguido após arrasar 47 hectáreas.
Pero ao longo de xullo houbo outros lumes que queimaron 27 hectáreas en Tomiño; 80,89 hectáreas en Meaño; 97,27 hectáreas en Cualedro; 83 hectáreas en Lalín; 53,07 hectáreas en Chandrexa de Queixa; 45 hectáreas en Carballeda de Valdeorras; 37,98 en Boiro; 37 hectáreas en Lousame, e 38,64 na Mezquita.