Primeiros pasos para suprimir o 'roaming' que afecta a máis de 115.000 arraianos

O Parlamento aproba unha proposición para demandar que se suprima o cobro de itinerancia telefónica -e as abusivas tarifas que iso xera- na fronteira de Galiza e Portugal.

O pleno do Parlamento galego aprobou esta semana unha proposición non de lei do PsdeG para suprimir o 'roaming' ou cobro de itinerancia telefónica entre estados da UE que prexudica os residentes nas zonas trans-fronteirizas. Unha iniciativa que procura degender, sinalan as e os socialistas, as 116.000 persoas que residen na raia con Portugal ('arraian@s'), en 22 concellos das provincias de Pontevedra e Ourense, “e que ven cómo os saltos aleatorios de operador telefónico entre os dous países derivan en tarifas telefónicas abusivas”. Na iniciativa pídese anular “de forma sistemática o cobramento do 'roaming' aos cidadáns empadroados nas poboacións galeas transfronteirizas situadas na zona estimada de invasión das redes”. E tamén, que se pida á UE que “adiante a supresión de cobro do roaming aos residentes das poboacións transfronteirizas de Galiza co Norte de Portugal”.

Criticou a deputrada Noela Blanco o “desleixo ás relacións co país veciño” por parte do goberno galego, que reduciu un 90 por cento os orzamentos da Eurorrexión dende 2009 e de quen “ten como única concepción de relacións transfronteirizas ir a comprar toallas e comer bacallau a Portugal”.