Paros nas quendas nocturnas e piquetes lilás, a greve feminista é xa unha realidade

Nas quendas de noite, a pesar de que na maioría a actividade desenvólvese  en sectores moi masculinizados, houbo seguementos da greve como  95% das traballadoras de Alonarti e Denso, 90% en Domiberia, ou nas plantas de Einsa As Pontes, máis do 50% das mulleres.No Sergas, amplo seguemento.

A greve xeral de mulleres do 8M xa é unha realidade. Nesta primeira quenda de paros laborais, que a CIG convoca 00 a 02h, a central nacionalista lembra que o seguimento está condicionado polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores moi masculinizados e nos que boa parte da quenda a realizan os homes.

Aínda así, afirma, nos hospitais da rede do Sergas a esta hora só se están cubrindo os servizos mínimos, tanto no que ten a ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria. Ademais, na zona de Vigo, nesta quenda están parando 95% das traballadoras de Alonarti e Denso, 90% en Domiberia, 50% en Prosegur BPO, máis de 40% en Asientos de Galicia, TRW-Dalphi e Plastic Omnium. E nas plantas de Einsa As Pontes, máis do 50% das mulleres desta quenda están a secundar o paro laboral.

 

Tamén é de destacar para a CIG que en Ingapan (Lugo) un grupo de mulleres está secundando o paro, “nunha empresa na que non é habitual que o persoal responda ás convocatorias de greve.

 

Marga Corral, secretaria de Mulleres da CIG, denunciou os que cualifica como abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, que mesmo superan aos establecidos para convocatorias anteriores de carácter similar.

 

A CIG tamén informa que rexeita a actitude de empresas que instaron as traballadoras a informar se irían á greve