Controlados, segundo Medio Rural

Primeiros lumes da temporada na Estrada e en Compostela

[Imaxe: J.C.M] Incendio en Sabucedo

Dous incendios tiveron lugar o sábado, día 19, cando a Xunta de Galiza aínda non activou o período de alto risco, malia as temperaturas acadadas estes días. O máis importante, en dimensión, afectou a Estrada, con 75 hectáreas queimadas, e o de Santiago deixou máis de 10 calcinadas.

Na tarde do sábado rexistrábase na parroquia estradense de Sabucedo un incendio que, segundo a Consellaría do Medio Rural, está controlado, logo de afectar 75 hectáreas. O lume iniciouse ao redor das 16.37 e ficou estabilizado de madrugada. Nas tarefas de extinción participaron tres axentes, sete brigadas, tres motobombas, unha pa e medios aéreos (a Xunta non precisa o número).

 

Por outra banda, o incendio rexistrado ás 16.43 do sábado na parroquia compostelá de Sampaio, ficou estabilizado, segundo a Xunta, ás 19.52 e afectou 10 hectáreas de superficie. Participaron na extinción tres axentes, tres brigadas, tres motobombas, unha pa e medios aéreos (a Xunta non precisa o número).

 

Malia as temperaturas dos últimos días, a Consellaría do Medio Rural non activou o período de alto risco, que se reserva de xullo a setembro.