O primeiro selfie da prensa galega

Selfie no Extracto de Literatura

Selfie é unha fotografía, xeralmente dixital, que unha persoa tira de si mesma. Unha autofoto. Foi considerada a palabra internacional do ano 2013 polo Oxford English Dictionary e o seu primeiro uso documéntase en 2002.

O semanario Sermos Galiza, na sección Fóra de serie, ofrece semanalmente unha destas autofotos acompañada de entrevista.

 

Mais retrocedamos 124 anos, ao 7 de xaneiro de 1893. Concretamente a Pontevedra. Ninguén anda pola rúa facendo fotos cun teléfono enganchado a un pau. Mais nese día aparece o número 1 de Extracto de Literatura, fundado e dirixido por Enrique Labarta e subtitulado Semanario Dosimétrico Ylustrado. A publicación desapareceu en outubro. Considérase que é nesta revista onde por vez primeira se publica unha fotografía na prensa galega editada na Galiza. E é a do propio director, que tamén aparece, coa mesma imaxe invertida, no derradeiro número. Nos números seguintes foron aparecendo fotografías do Marqués de Figueroa, de Jesús Muruais, Emilio Alvárez Giménez, Alberto García Ferreiro. Murguía aparece no número 10. A primeira muller é Filomena Dato, no número 27, de 8 de xullo de 1893. En setembro, no número 39, aparece Sofía Casanova.

 

A pretensión é facer unha galería de galegos notábeis: "De gallegos notables la galería inaugura mi propia fisonomía”. De Murguía di que é o “apostol del regionalismo”. En xeral é o propio Labarta quen asina as semblanzas mais no caso de Sofía Casanova é Filomena Dato quen asina.

 

Considérase que é nesta revista onde por vez primeira se publica unha fotografía na prensa galega editada na Galiza

 

Mais as primeiras noticias sobre a actividade fotográfica en Galiza arrancan 50 anos atrás, en 1843, con Enrique Luard Falconier que trae de París o daguerrotipo co que comezará a facer retratos por 50 reais nun pequeno cuarto da rúa Santo André da Coruña.

 

50 anos máis tarde, a mellora na reprodución fotográfica leva á aparición das revistas gráficas, revistas en que participarán moitos dos fotógrafos profesionais. En 1897 na revista Galicia Moderna aparecerán as primeiras reportaxes gráficas. Tamén é dirixida por Enrique Labarta. Nunha nota ao lector, aclara que Galicia Moderna pretende ser algo así como un “álbum artístico e literario” de Galiza para dar a coñecer vilas e cidades, paisaxes e monumentos, tipos e costumes, festas e tradicións”. Tamén é nesta revista onde a fotografía é utilizada por vez primeira como reclamo publicitario. Unha das consecuencias da publicación de paisaxes e monumentos na prensa gráfica levará finalmente á aparición das postais. As imaxes e vistas que van aparecendo en cada número son un anticipo das coleccións de postais. Neste campo é destacable a enorme obra postal do fotógrafo coruñés Pedro Ferrer.