Primeiro parto de urxencia en Verín após o feche do paridoiro

Nais, matronas e veciñas protestan contra antes as portas do CHUO contra o traslado do servizo de partos desde Verín (Imaxe: Marcha Mundial das Mulleres)

Tivo que desprazarse un pediatra desde Ourense ao non haber un de garda.

O Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín atendeu na madrugada un parto de urxencia nas súas instalacións, aínda que o pequeno foi trasladado ao Hospital de Ourense pouco despois de nacer.

Ao redor das 4 da madrugada chegou unha muller a piques de dar a luz e o xinecólogo de garda considerou que" non era procedente" o seu traslado ao CHUO, "polo risco que levaba para a muller a posibilidade de parir polo camiño", explicou a Europa Press unha das matronas presentes no momento. Por este motivo decidiuse atender o parto en Verín e, dado que no hospital comarcal a día de hoxe non contan con pediatra de garda, os profesionais solicitaron ao centro de referencia que enviasen un pediatra desde Ourense.

Finalmente, o pediatra trasladouse ata Verín e "en canto naceu o bebé levoullo en ambulancia para Ourense", sinalou a matrona.

O pediatra non lles deu ningunha explicación de por que levaba a un bebé que "naceu perfectamente, con moi boa vitalidade e sen ningunha xustificación clínica para o traslado", criticou a matrona.

É máis, os profesionais do servizo de Xinecoloxía de Verín aseguraron proporlle ao pediatra "deixar xuntos nai e fillo", seguindo a liña das recomendacións de "todas as guías nacionais e internacionais de calidade de coidados".

"A pediatra fixo caso omiso e levou o neno" , explicou a matrona. A nai foi trasladada a Ourense dúas horas e media porque "as dúas primeiras horas despois do parto hai que observala directamente ante a posibilidade de sangrados e hemorraxias post parto".

A matrona sinalou que "non existe ningún tipo de evidencia que avale este tipo comportamentos" que poden producir consecuencias para ambos "no período de lactación, o apego e ao longo da súa vida".

Trátase dunha situación á que, segundo explicou, chégase por "non facer as cousas do modo correcto e unha mala xestión dos recursos". "Sabiamos que estas cousas ían pasar e van seguir pasando e os únicos prexudicados son os pacientes, esa nai e a súa recentemente nado", explicou.